Cancioneiro Geral | |
---|---|
Autor/a | Garcia de Resende |
Lingua | lingua castelá e lingua portuguesa |
Data de pub. | 1516 |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Cancioneiro Geral ou Cancioneiro de Resende, publicado en 1516, é unha compilación de poemas de poesía palaciana reunida polo escritor eborense Garcia de Resende que inclúe obras dos séculos XV e XVI.
Cancioneiro Geral: cum preuilegio/ foy ordenado e eme[n]dado por Garcia de Resende fidalguo da casa de Rey nosso señor e escriuam da fazenda do principe, Lisboa, Hernãn de Cãmpos, 1516
Os poemas, escritos na súa maioría en portugués mais tamén en castelán, versan sobre os máis variados temas. Foi a primeira colectánea de poesía impresa en Portugal e o principal repositório de poesía portuguesa da época.[1] É unha boa representación da Escola Castelán-Portuguesa.[2]
O Cancioneiro segue os modelos de compilacións de poemas casteláns realizados anteriormente, como o Cancioneiro de Baena de 1445 e o Cancioneiro Geral de Hernando del Castillo, publicado en 1511.[3] Garcia de Resende (c.1470-1536), que era poeta, cronista e cortesán na corte de D. Manuel I, reuniu un conxunto de case mil poemas de 286 autores, dos cales uns 150 están escritos en castelán e o resto en portugués.[3] O período de produción dos poemas abrangue desde a metade do século XV até o inicio do século XVI.[4] Ao contrario do cancioneiro castelán de 1511, os poemas da obra portuguesa non están ordenados por temas.[5]
A obra de Resende foi publicada por primeira vez en 1516, no taller de Hermão de Campos, e está dedicada ao príncipe João, futuro João III de Portugal[4]. Os temas revelan unha poesía de carácter palaciano, sobre o día a día na corte, alén doutras de temática relixiosa, amorosa, elexíaca, alén dalgunhas tentativas de poesía épica.[4] Ao contrario da época trobadoresca, cando a poesía era pensada para ser cantada e bailada, os poemas do Cancioneiro son autónomos, e o ritmo é conseguido pola sonoridade das palabras e pola organización en versos e estrofas.[3]
Entre os moitos autores inclúense João Roiz de Castel-Branco, Sá de Miranda, Bernardim Ribeiro e o propio Garcia de Resende.
Sobre a presenza galega no Cancioneiro, segundo Isabel Morán "Os autores teñen como referencia os Cancioneiros Galego-Portugueses. E aínda que non hai galegos entre os compositores, hai motivos galegos de enorme interese... O tratamento dos amores da galega Inés de Castro, que comezan a cobrar forza como asunto literario preferente, e que aborda o propio Resende; a mifiticación de Macías o Namorado ou de Juan Rodríguez del Padrón, ou a presencia do Camiño de Santiago".[6]