A COPI (/cop un/) é un coatómero, un complexo proteico[1] que recobre vesículas celulares que transportan proteínas desde o lado cis do aparato de Golgi de regreso ao retículo endoplasmático rugoso, onde foi orixinalmente sintetizada, e entre os compartimentos do Golgi. Este tipo de transporte denomínase transporte retrógrado, en contraste co transporte anterógrado asociado coa proteína COPII (/cop dous/). O nome "COPI" procede do inglés e refírese a coat protein complex I (complexo proteico de cuberta I), que inicia o proceso de evaxinación nas membranas no lado cis do Golgi. O recubrimento ou revestimento consta de grandes subcomplexos proteicos que están feitos de sete subunidades proteicas diferentes, chamadas α, β, β', γ, δ, ε e ζ. As vesículas que levan este recubrimento denomínanse vesículas COPI.
COPI | |||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Identificadores | |||||||||
Símbolo | COPI_C | ||||||||
Pfam | PF06957 | ||||||||
InterPro | IPR010714 | ||||||||
|
Esta proteína de cuberta COPI é unha proteína dependente do factor de ADP-ribosilación (ARF), implicada no tráfico de membranas.[2] A COPI foi primeiramente identificada no tráfico retrógrado desde o cis-Golgi ao retículo endoplasmático rugoso[3][4] e é o máis estensamente estudado dos adaptadores dependentes de ARF. A COPI consta de sete subunidades que forman un complexo proteico heteroheptamérico.
A función primaria dos adaptadores é a selección de proteínas cargamento para a súa incorporación a transportadores nacentes (vesículas). As moléculas de cargamento que conteñan os motivos de selección KKXX e KXKXX interaccionan coa COPI para formar transportadores que son transportados desde o cis-Golgi ao retículo endoplasmático.[5][6][7][8][9] A opinión actual é que os ARF están tamén implicados na selección do cargamento para a incorporación en transportadores.
O factor de ADP-ribosilación (ARF) é unha GTPase implicada no tráfico de membrana. Hai 6 ARF de mamíferos, que están regulados por unhas 30 GEF e GAP. A ARF é modificada postraducionalmente no seu extremo N-terminal por adición do ácido graxo miristato.
O ARF oscila cambia ciclicamente entre as conformacións unidas a GTP e GDP. Na forma unida a GTP, a conformación de ARF cambia de modo que o miristato e o N-terminal hidrófobo quedan máis expostos e asócianse coa membrana. A interconversión entre os estados unidos a GTP e GDP é mediado por factores de intercambio do nucleótido guanina ARF (GEFs) e proteínas activadoras da GTPase ARF (GAPs). Na membrana, o ARF-GTP é hidrolizado a ARF-GDP polas ARF GAPs. Unha vez na conformación unida ao GDP, o ARF pasa a unha conformación menos hidrófoba e disóciase da membrana. Os ARF-GDP solubles son convertidos de novo a ARF-GTP polas GEFs.
A deformación da membrana e a evaxinación do transportador ocorre despois do conxunto de interaccións descritas antes. O transportador entón evaxínase da membrana doante, no caso de COPI esta membrana é o cis-Golgi, e o transportador móvese ao retículo endoplasmático, onde se fusiona coa membrana aceptora e o seu contido é expulsado.
Na superficie dunha vesícula COPI as moléculas forman trímeros simétricos ("tríadas"). A estrutura curvada da tríada posiciona as moléculas Arf1 e os sitios de unión do corgamento próximos á membrana. As subinidades β′- e α-COP forman un arco sobre o subcomplexo γζβδ-COP, orientando os seus dominios N-terminais de tal maneira que o sitios de unión do motivo do cargamento K(X)KXX están situados optimamente contra a membrana. Así o β′- e α-COP non forman unha gaiola ou retículo como os recubrimentos de COPII e clatrina como previamente se pensaba;[12] ao contrario, están ligadas unha a outra por medio dos subcomplexos γζβδ-COP, formando unha ensamblaxe interconectada Arquivado 17 de maio de 2018 en Wayback Machine..[13] As tríadas están unidas entre si por contactos de valencia variable orixinando catro tipos diferentes de contactos.[14]