Os billetes de euro, o papel moeda da Eurozona con valores faciais en euros, atópanse en circulación desde 2002, data en que se emitiu a primeira serie. Os bancos centrais nacionais dos países da Eurozona e o Banco Central Europeo están facultados para os emitir, aínda que na práctica soamente os primeiros o fan fisicamente.[1][2]
As denominacións dos billetes son sete: 5 EUR, 10 EUR, 20 EUR, 50 EUR, 100 EUR, 200 EUR e 500 EUR. De xeito diferente ás moedas metálicas, que teñen un anverso común e reversos propios de cada Estado, o deseño dos billetes é idéntico en toda a Eurozona, aínda que se imprimen en varios dos países que a compoñen.[3]
Os billetes de euro están fabricados a partir de fibra de algodón puro, o que mellora a súa durabilidade e lles confire un tacto característico.[4] O máis pequeno (5 EUR) mide 120 mm x 62 mm e o máis grande (500 EUR) 160 x 82 mm, e presentan varias combinacións de cores. Estes billetes inclúen numerosas e complexas medidas de seguridade tales como marcas de auga, tintas invisibles, hologramas e microimpresións que avalan a súa autenticidade.[5]
Segundo as estimacións do Banco Central Europeo (BCE), en agosto de 2018, había un total 21.737 millóns de billetes en circulación por toda a Eurozona, cun valor total de 1,193 billóns de euros.[6] O 8 de novembro de 2012, o BCE anunciou que a primeira serie de billetes (coñecida como "Épocas e estilos de Europa") sería substituída por unha nova serie ("Europa"), nun proceso progresivo que comezou co cambio billete de cinco euros o 2 de maio de 2013.[7]
O euro entrou en vigor o 1 de xaneiro de 1999. A súa creación fora un obxectivo da Unión Europea (UE) e dos seus predecesores desde a década de 1960.[8] O Tratado de Maastricht entrou en vigor en 1993 coa meta de crear unha unión económica e monetaria en 1999 para todos os Estados membros da UE, coas excepcións do Reino Unido e de Dinamarca (aínda que este último aplica un tipo de cambio fixo co euro).[9]
En 1999, a moeda naceu virtualmente, como unidade de conta, coexistindo coas anteriores moedas nacionais, e o 1 de xaneiro de 2002 comezaron a circular os billetes e moedas coas novas denominacións, ata se expandir por case toda a Unión Europea.[10][11] En 2009, no Tratado de Lisboa formalizouse a autoridade política do euro, o Eurogrupo, xunto co Banco Central Europeo.[12][13]
Eslovenia uniuse á Eurozona en 2007, Chipre e Malta fixérono en 2008, Eslovaquia en 2009, Estonia en 2011, Letonia en 2014 e Lituania en 2015.[14][15][16][17][18][19]
A cada denominación destes billetes correspóndelle unha cor e tamaño característicos. O deseño de cada un está baseado na arquitectura europea en varios períodos artísticos. Os seus anversos amosan portas e fiestras, como símbolo do espírito de apertura e cooperación de Europa, mentres que as súas parte traseira reproducen imaxes de pontes, metáfora da unión dos pobos europeos entre si e co resto do Mundo. Tívose coidado en que os exemplos arquitectónicos non representasen monumentos existentes para evitar controversia de cales deberían ser os elixidos.[20]
Os elementos comúns a todos os billetes son a bandeira europea, as iniciais do Banco Central Europeo en cinco versións (BCE, ECB, EZB, ΕΚΤ, EKP), un mapa de Europa no reverso, o nome "euro" nos alfabetos latino e grego, e as 12 estrelas da bandeira da Unión Europea.[21][22]
Os deseños dos billetes foron escollidos de entre 44 propostas presentadas ao concurso promovido polo Consello do Instituto Monetario Europeo o 12 de febreiro de 1996. O deseño gañador, creado polo austríaco Robert Kalina, foi elixido o 3 de decembro dese mesmo ano." [23][24][25]
Imaxe | Valor | Dimensións | Peso[27] | Cor principal | Descrición | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Arquitectura | Período | ||||
5 EUR | 120 × 62 mm | 0,6 g | Gris | Clásica | Ata o século V | ||
10 EUR | 127 × 67 mm | 0,7 g | Vermello | Románica | Séculos XI e XII | ||
| | 20 EUR | 133 × 72 mm | 0,8 g | Azul | Gótica | Séculos XIII e XIV | |
50 EUR | 140 × 77 mm | 0,9 g | Laranxa | Renacentista | Séculos XV e XVI | ||
100 EUR | 147 × 82 mm | 1,0 g | Verde | Barroca e rococó | Séculos XVII e XVIII | ||
200 EUR | 153 × 82 mm | 1,1 g | Amarelo | Modernista | Séculos XIX e XX | ||
500 EUR | 160 × 82 mm | 1,1 g[28] | Violeta | Moderna | Séculos XX e XXI |
As rexións ultraperiféricas da Unión Europea que aparecen reflectidas nos billetes son: Azores, Güiana francesa, Guadalupe, Illas Canarias, Madeira, Martinica e Reunión. Chipre e Malta non se amosan nesta primeira serie, xa que se uniron á Unión Europea en 2004. Ademais, Malta é demasiado pequena para se poder incluír, xa que o tamaño mínimo é de 400 km² e Chipre está demasiado ao leste. Ambos os países aparecen xa, no entanto, na segunda serie.[29][30]
Todos os billetes de euros levan a sinatura do presidente do Banco Central Europeo no momento da súa impresión. Os primeiros exemplares levaban a de Wim Duisenberg, o seu primeiro presidente, e en novembro de 2003 foi substituída pola do seu sucesor Jean-Claude Trichet, que estivo vixente ata marzo de 2012.[31] O 1 de novembro de 2011, Mario Draghi converteuse no terceiro presidente da institución, e os billetes pasaron a exhibir a súa sinatura partir de marzo de 2012.[32][33]
Nome | Presidencia | Sinatura | Comezo da sinatura | |
---|---|---|---|---|
Wim Duisemberg | 1998-2003 | Xaneiro de 2002 | ||
Jean- Clausde Trichet | 2003-2011 | Novembro de 2003 | ||
Mario Draghi | > 2011 | Marzo de 2012 |
De xeito semellante ás marcas de ceca nas moedas, nos billetes pode identificarse o seu país de emisión a partir da primeira letra do seu número de serie. Este código de país está no seu reverso (a letra do número de serie). Asignouse unha letra do alfabeto co criterio da orde alfabética inversa do nome de cada país da Unión Europea (formada daquela por 15 países) no seu idioma orixinal, incluíndo tamén aqueles nos que aínda non adoptaron o euro. Os países que se foron incorporando á Eurozona posteriormente foron engadidos por orde cronolóxica.[34][35]
Código | Estado | Díxito de verificación | |
---|---|---|---|
En galego | Na lingua orixinal | ||
Z | Bélxica | België/Belgique/Belgien | 9 |
Y | Grecia | Ελλάδα [Ellada] | 1 |
X | Alemaña | Deutschland | 2 |
(W) | Dinamarca | Danmark | (3) |
V | España | España | 4 |
U | Francia | France | 5 |
T | Irlanda | Éire/Ireland | 6 |
S | Italia | Italia | 7 |
(R) | Luxemburgo | Luxembourg/Luxemburg/Lëtzebuerg | (8) |
(Q) | Sen uso | ||
P | Países Baixos | Nederland | 1 |
(O) | Sen uso | ||
N | Austria | Österreich | 3 |
M | Portugal | Portugal | 4 |
L | Finlandia | Suomi/Finland | 5 |
(K) | Suecia | Sverige | (6) |
(J) | Reino Unido | United Kingdom | (7) |
(I) | Sen uso | ||
H | Eslovenia | Slovenija | 9 |
G | Chipre | Κύπρος [Kípros]/Kıbrıs | 1 |
F | Malta | Malta | 2 |
E | Eslovaquia | Slovensko | 3 |
D | Estonia | Eesti | 4 |
Os códigos W, K e J están reservados para membros da Unión Europea que non están na Eurozona, mentres que o R está reservada para Luxemburgo que, malia formar parte da Eurozona, non emite billetes.
As posicións de Dinamarca e Grecia foron cambiadas, posto que o Y é tamén unha letra do alfabeto grego, mentres que o W non o é.
Nos anversos dos billetes aparecen, así mesmo uns códigos correspondentes ao impresor, ben dentro dun rectángulo (5 e 50 euros), ben nunha estrela (10, 20 e 500 euros) ou ben integrados na decoración de fondo preto do motivo central (100 e 200 euros). Este código está composto por unha letra seguida de tres díxitos, unha letra máis e un derradeiro díxito. A primeira letra indica o organismo que imprimiu o billete, o número de tres díxitos seguinte é o da matriz utilizada na impresión e, finalmente, a letra e o número finais indican a posición do billete na prancha na súa impresión. Cada prancha pode ter ata dez ringleiras (representadas do A ao K) e seis columnas (do 1 ao 6).[36][37]
Por exemplo, un billete co código de impresor L068B6 foi fabricado polo Banco de Francia en Chamalières, coa matriz número 68 e estaba situado na segunda ringleira da sexta columna da prancha de impresión.
Letra | Impresor | Localización | Destino dos billetes |
---|---|---|---|
A | Bank of England | Reino Unido (Londres) | |
C | Tumba pappersbruk | Suecia (Tumba) | |
D | Gemalto | Finlandia (Vantaa) | Finlandia (L) |
E | François-Charles Oberthur Fiduciaire | Francia (Chantepie) | Eslovenia (H), Finlandia (L), Francia (U), Países Baixos (P), Alemaña (X), Chipre (G), Eslovaquia (E) |
F | Oesterreichische Banknoten und Sicherheitsdruck GmbH | Austria (Viena) | Países Baixos (P), Austria (N), Italia (S), Grecia (Y) |
G | Johan Enschedé & Zonen | Países Baixos (Haarlem) | Países Baixos (P), Austria (N), España (V), Grecia (Y), Chipre (G), Malta (F), Alemaña (X), Finlandia (L), Eslovenia (H), Eslovaquia (E) |
H | De La Rue | Reino Unido (Gateshead) | Finlandia (L), Portugal (M), Irlanda (T), Países Baixos (P) |
J | Banca d'Italia | Italia (Roma) | Italia (S) |
K | Central Bank of Ireland | Irlanda (Dublín) | Irlanda (T) |
L | Banque de France | Francia (Chamalières) | Francia (U) |
M | Fábrica Nacional de Moneda y Timbre | España (Madrid) | España (V) |
N | Τράπεζα της Ελλάδος | Grecia]] (Atenas) | Grecia (Y) |
P | Giesecke & Devrient | Alemaña (Leipzig) | Finlandia (L), Francia (U), Alemaña (X), Grecia (Y), Países Baixos (P), Portugal (M) |
R | Bundesdruckerei | Alemaña (Berlín) | Alemaña (X), Grecia (Y), Países Baixos (P), Estonia (D) |
S | Danmarks Nationalbank | Dinamarca | |
T | Banque nationale de Belgique | Bélxica (Bruxelas) | Bélxica (Z), Francia (U), España (V) |
U | Valora | Portugal (Carregado) | Portugal (M) |
O Banco Central Europeo fixo públicas algunhas das características de seguridade máis básicas dos billetes de euro, para permitir así ao público a determinación rápida da autenticidade ou a falsidade dos billetes circulantes. Con todo, co fin de preservar a súa seguridade, a lista completa destes dispositivos é un segredo celosamente gardado. Segundo os datos coñecidos, os billetes de euro inclúen polo menos trinta dispositivos de seguridade diferentes, entre os que cabe salientar os seguintes:[38]
Valor | Código de barras | Manchester |
---|---|---|
5 EUR | 0110 10 | 100 |
10 EUR | 0101 10 | 110 |
20 EUR | 1010 1010 | 0000 |
50 EUR | 0110 1010 | 1000 |
100 EUR | 0101 1010 | 1100 |
200 EUR | 0101 0110 | 1110 |
500 EUR | 0101 0101 | 1111 |
Á parte do xa mencionado cambio de sinatura dos presidentes do Banco Central Europeo, todos os billetes de cada denominación son iguais nos primeiros anos da súa emisión. Respondendo ao plan da autoridade monetaria de redeseñar os billetes cada sete ou oito anos despois da súa primeira posta en circulación, en maio de 2013 comezou a implantación progresiva dunha segunda serie con novas técnicas para evitar a súa falsificación e xa coa incorporación de Chipre e Malta no deseño dos billetes.[41] Para este redeseño, o BCE escolleu un deseñador de billetes independente, Reinhold Gerstetter, que xa se ocupara anteriormente, entre outros, dos billetes españois.[42][43]
Nestes novos billetes, a palabra "euro" aparece escrita en tres alfabetos (no canto dos dous da primeira serie), xa que ao latino e ao grego se lles engade o cirílico (ЕВРО), logo da incorporación de Bulgaria á Unión Europea en 2007.[44]
Outra novidade é a ampliación das variantes das siglas do Banco Central Europeo, para recoller os novos idiomas dos estados que se foron sumando á Unión Europea neses anos. As iniciais aparecen nesta orde:[45]
Esta segunda serie amosa un retrato de Europa —personaxe da mitoloxía grega raptada por Zeus que lle deu nome ao continente— na marca de auga e no holograma.[70][71] Os novos billetes vanse introducindo de xeito gradual ao longo de varios anos, comezando polo de 5 euros en maio de 2013 e continuando co de 10 euros en setembro de 2014, o de 20 euros en novembro de 2015, o de 50 euros en abril de 2017 e os de 100 euros e 200 euros en maio de 2019.[72][73][74] O 4 de maio de 2016, o Banco Central Europeo decidiu non emitir un billete de 500 euros dentro da serie Europa.[75]
Os novos billetes son unha evolución e, malia manteren o deseño de "épocas e estilos" da primeira serie e amosaren as mesmas cores dominantes, modificáronse para incorporar os elementos de seguridade mellorados. O seu deseño fíxose público en Frankfurt o 10 de xaneiro de 2013.[76][77]
A circulación dos billetes da primeira serie seguirá estando vixente ata que o Banco Central Europeo dea a orde aos bancos nacionais da súa retirada de circulación.[78]
Imaxe | Valor | Emisión | Dimensións | Cor principal | Descrición | ||
---|---|---|---|---|---|---|---|
Anverso | Reverso | Arquitectura | Período | ||||
5 EUR | 2013 | 120 × 62 mm | Gris | Clásica | Ata o século V | ||
10 EUR | 2014 | 127 × 67 mm | Vermello | Románica | Séculos XI e XII | ||
20 EUR | 2015 | 133 × 72 mm | Azul | Gótica | Séculos XIII e XIV | ||
50 EUR | 2017 | 140 × 77 mm | Laranxa | Renacentista | Séculos XV e XVI | ||
100 EUR | 2019 | 147 × 77 mm | Verde | Barroca e rococó | Séculos XVII e XVIII | ||
200 EUR | 2019 | 153 × 77 mm | Amarelo | Modernista | Séculos XIX e XX |
Os primeiros billetes desta segunda serie levan tamén a sinatura de Mario Draghi, presidente do Banco Central Europeo, cuxo mandato comezou en novembro de 2011 e ten a súa finalización prevista para novembro de 2019.[80]
Nome | Presidencia | Sinatura | Comezo da sinatura | |
---|---|---|---|---|
Mario Draghi | > 2011 | Maio de 2013 |
O número de serie dos billetes da segunda serie consta de dúas numeracións presentes nos seus reversos: un número horizontal impreso en negro e un número vertical da cor de cada valor en concreto. O número horizontal está composto por dúas letras e dúas cifras, en tanto que o vertical o forman só as seis cifras derradeiras do número horizontal. O código de identificación do país emisor desaparece dos billetes desta segunda serie.[81][82]
Á contra da primeira serie, a primeira letra do número de serie pasa a designar agora a institución impresora do billete. A segunda serie segue unha orde alfabética e non ten unha significación concreta, máis que a de permitir un maior número de combinacións posibles, con respecto á primeira serie.[83][84]
Letra | Impresor | Localización |
---|---|---|
A | (Non atribuída) | |
B | (Non atribuída) | |
C | (Non atribuída) | |
D | Polska Wytwórnia Papierów Wartościowych | |
E | François-Charles Oberthur Fiduciaire | Francia (Chantepie) |
F | (Non atribuída) | |
G | (Non atribuída) | |
H | De La Rue Currency | Reino Unido (Loughton) |
J | De La Rue Currency | Reino Unido (Gateshead) |
K | (Non atribuída) | |
L | (Non atribuída) | |
M | Valora | Portugal (Carregado) |
N | Oesterreichische Banknoten und Sicherheitsdruck GmbH | Austria (Viena) |
P | Johan Enschedé & Zonen | Países Baixos (Haarlem) |
R | Bundesdruckerei | Alemaña (Berlín) |
S | Banca d'Italia | Italia (Roma) |
T | Central Bank of Ireland | Irlanda (Dublín) |
U | Banque de France | Francia (Chamalières) |
V | Fábrica Nacional de Moneda y Timbre | España (Madrid) |
W | Giesecke & Devrient | Alemaña (Leipzig) |
X | Giesecke & Devrient | Alemaña (Múnic) |
Y | Τράπεζα της Ελλάδος | Grecia (Atenas) |
Z | Banque nationale de Belgique | Bélxica (Bruxelas) |
Cómpre subliñar que unha gran parte dos códigos dos impresores retoma os identificadores dos países da primeira serie: J, M, N, P, S, T, U, V, X, Y e Z.
En palabras de Mario Draghi en xaneiro de 2013, a serie Europa "será máis intelixentee segura que a primeira serie". Xa que logo, en relación aos billetes da primeira serie, estes da segunda levan elementos de seguridade reforzados co fin de loitar máis eficazmente contra a falsificación.[85] Neles póñense en práctica novas técnicas relacionadas coa variación de cor, as bandas holográficas, a súa visión baixo luz ultravioleta etc. O 8 de novembro de 2012 coñecíanse tres novos elementos presentes nos billetes de 5 euros da segunda serie: o retrato en marca de auga, o retrato holograma e o número esmeralda. Estes son algúns dos elementos de seguridade coñecidos:[86]
Italia, Grecia, Austria e Eslovenia solicitaron en repetidas ocasións a introdución de denominacións inferiores de billetes de euro.[89][90] O Banco Central Europeo indicou que “imprimir un billete de 1 euro é máis caro (e dura menos) que cuñar unha moeda do mesmo valor”. O 18 de novembro de 2004, o Banco Central Europeo decidiu definitivamente que non había suficiente demanda na Eurozona de billetes en denominacións pequenas.
Porén, o 25 de outubro de 2005, máis da metade dos membros do Parlamento Europeo presentaron unha moción invocando a Comisión Europea e o Banco Central Europeo para que recoñecesen definitivamente a necesidade de introducir billetes de 1 e de 2 euros.[91][92]
Doutra banda, o Banco Central Europeo deu permiso ao estado alemán de Schleswig-Holstein para pór en circulación a primeira tirada de billetes de 0 euros. Trátase dunha moeda dirixida a coleccionistas e turistas que pasen polo estado, co obxectivo de que poidan levar un recordo da súa experiencia. O billete, coñecido como Der Null-Euro-Schein richte, carece de valor real, polo que non ten uso no mercado. No entanto, para comprar un destes exemplares cómpre pagar 2,5 euros.[93][94][95]
Dado o elevado valor deste billete (o cuarto maior do mundo entre os billetes en circulación en novembro de 2010), a metade da poboación europea non tivo ningún deles nas súas mans.[96] Porén, este billete representa por si mesmo un terzo da masa monetaria dos billetes en euros, para un valor que atinxía os 288.000 millóns de euros en xaneiro de 2013. Unha cuarta parte dos billetes de 500 euros (72.000 millóns de euros, ou 144 millóns de exemplares) circula unicamente en España e, neste país, o 75 % do efectivo circulante éo en billetes de 500 euros.[97][98]
Os billetes dun valor semellante permiten o transporte de importantes sumas de diñeiro nun escaso volume, o que favorece a circulación diñeiro procedente de actividades ilícitas. Isto constátase particularmente despois do inicio de 2012, cando se puxo en práctica a rastrexabilidade das operacións bancarias internacionais. Ademais, as sancións relativamente moderadas por non informar acerca do transporte de diñeiro líquido ao estranxeiro (que van do 0 ao 25 % da cantidade transportada) non favorecen a redución desta actividade.[99]
Tendo en conta esta situación, algúns países tomaron en consideración a supresión total deste billete. Baseándose no argumento de que a maioría se utuilizan para a fraude, o Reino Unido, mesmo sen ser un país da Eurozona, decidiu prohibir o seu uso e, ao outro lado do Atlántico, os Estados Unidos paralizaron a fabricación dos billetes de 500 dólares para loitar contra a mafia. Do mesmo xeito, o executivo francés solicitou repetidamente ao Banco Central Europeo a supresión desta denominación, decisión que, en calquera caso, só poderá recaer no Consello de Gobernadores dos Bancos Centrais Europeos, co acordo dos Estados Membros. Alemaña é, a priori, é desfavorable á supresión, xa que a súa poboación está moi afeita a pagar en líquido mesmo cantidades importantes.[100]
En relación coa segunda serie ("Europa"), o presidente do BCE, Mario Draghi declarara inicialmente que esta consistiría nos mesmos valores que a primeira. Porén, o 4 de maio de 2016, o BCE anunciou oficialmente que deixaría de producir e de pór en circulación billetes de 500 euros en 2018 e que a serie Europa xa non incluiría este valor. Os billetes existentes no mercado manteranse e poderase intercambiar cos bancos centrais nacionais do Eurosistema durante un período de momento ilimitado. A partir desta decisión, os billetes de 500 euros están a chegar en grandes cantidades aos bancos centrais; e este feito, en combinación co feito de que (coa excepción de Austria e Alemaña), teñen moi pouca repercusión na vida cotiá das persoas, hai unha grande probabilidade de que, de feito, a súa función se limite no futuro a un valor de reserva e de aforro.[101]
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Billetes de euro |