A batalla de Salamina foi un combate naval acontecido en setembro do ano 480 antes de Cristo, durante as Guerras médicas, que enfrontou ás frotas de Grecia e de Persia no golfo de Salamina.
Trala batalla das Termópilas, o exército persa avanzaba por Beocia e o Ática sen oposición. A súa chegada a Atenas era inminente, polo que os líderes gregos decidiron que o mellor sería evacuar a cidade. Os evacuados de Atenas refuxiáronse na illa de Salamina, próxima ó Pireo, porto que Atenas utilizaba para o comercio marítimo.
O oráculo de Delfos foi consultado, e deu a seguinte profecía: a vitoria grega pasa pola construción dunha muralla de madeira. Esta muralla de madeira foi interpretada por Temístocles, o maior mandatario da república ateniense, coma unha formación de barcos.
Mentres que a maioría dos líderes gregos consideraban que o mellor era facer caso á interpretación de Temístocles, os espartanos, con Euribíades crían que o mellor era presentar batalla en Corinto para ter espazo para repregarse en caso de derrota. Porén, foron convencidos por Temístocles para loitar en Salamina.
Durante a discusión dos líderes gregos, Atenas era destruída tras ser saqueada polas recentemente entradas tropas persas, que tomaron este ataque como un desquite polas derrotas sufridas anteriormente.
Aínda con tódolos gregos unidos en Salamina, as súas forzas eran moi inferiores ás persas, aínda estando estas decimadas tralas tormentas do mar Exeo e combates contra gregos: unhas 350 naves (a maioría trirremes) fronte a unhas 1500 naves persas, chamadas xuncos, nas que ían embarcados, segundo Heródoto, 85 000 e 300 000 homes respectivamente.
Temístocles sabía que a simple unión dos gregos non vencería ós persas, así que enviou un escravo ó campamento de Xerxes para enganalo. A mensaxe que levaba o escravo era a mentira de que os gregos non estaban unidos en canto á localización onde debían presentar batalla, e que moitos, temorosos, fuxirían antes de chegar a frota persa. Ademais, díxolle que, se Xerxes ordenaba o ataque, as naves atenienses (a maior parte da frota grega) volveríanse e atacarían ós demais gregos.
Xerxes creu o engano de Temístocles, polo que cercou a saída da illa de Salamina. A opinión dos seus conselleiros estaba dividida en canto que deber facer agora que a illa estaba cercada. O seu xeneral Mardonio prefería iniciar un ataque fronte as posicións gregas, mentres que Artemisia I de Caria, raíña de Halicarnaso e aliada dos persas, cría que as pesadas naves persas se desenvolverían mal nas recortadas costas de Salamina, polo que aconsellou a Xerxes I que esperase a que os gregos quedasen sen provisións e se rendesen. Xerxes fixo caso ó consello de Mardonio.
É curioso sinalar que esta Artemisia foi a primeira muller almirante da historia, e que mandou nunha frota de cinco navíos na batalla que estaba a punto de comezar.
Xerxes, o emperador persa, estaba seguro da vitoria do seu país, polo cal ansiaba contemplar a batalla. Por iso, mandou construír un trono no alto dun monte dunha illa próxima a Salamina, desde onde podía ver o desenvolvemento da batalla.
A inmensa frota persa levou áncoras durante a noite, momento no que o escravo de Temístocles lle dixera que os gregos comezarían a fuxida, esperando sorprendelos. Os persas entraron no golfo de Salamina, quedando confusos de non ver fuxir ós gregos.
Agora ben, ó tempo que os persas avanzaban, os gregos retirábanse progresivamente cara ao interior do golfo de Salamina. Os pesados barcos persas acabaron atrapados nas estreiteces do golfo, e nese momento os gregos avanzaron coa súa frota cara á dos persas, envolvéndoa. Os persas intentaron retirarse, pero foi en van ó non poder avanzar por ser tan grande a densidade de barcos que había.
Os mariñeiros persas, apenas sen armas, foron branco fácil dos abordaxes gregos, pois os seus soldados eran hoplitas armados fortemente. A densidade de barcos persas permitiu que os soldados gregos avanzasen sen maiores problemas de barco en barco, e cando as formacións de xuncos persas estaban dispersas, os gregos abatían cos seus barcos facilmente contra eles, afundindo e capturando unha gran cantidade de navíos.
A batalla rematou así cunha resoada vitoria grega. Xerxes volveu a Persia, coñecedor da irredutibilidade dos gregos, quen lle deran unha lección, ó igual que ó seu pai Darío I o Grande. Mardonio quedou de administrador dos territorios conquistados en Grecia, pero foi derrotado na batalla de Platea e pechou o soño dos emperadores persas de conquistar Grecia.
A batalla foi estudada por algúns sabios posteriores, coma Heródoto ou Esquilo, que lle deron un sentido de loita da liberdade contra o despotismo dos reis de oriente.