Biografía | |
---|---|
Nacemento | 13 de xullo de 1902 Corcubión, España |
Morte | 13 de xullo de 1990 (88 anos) Buenos Aires, Arxentina |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España Uruguai |
Actividade | |
Ocupación | escritor , xornalista |
Lingua | Lingua castelá |
Arturo Patricio Carril Amigo,[1] nado en Corcubión o 13 de xullo de 1902 e finado en Buenos Aires o 13 de xullo de 1990, foi un escritor e xornalista galego.
Marchou novo a Montevideo para librar do servizo militar, e alí comezou a traballar como linotipista. Introduciuse no mundo sindical e político, fundamentalmente anarquista e tamén nacionalista, participando da Irmandade Nacionalista d’América do Sul. Na década dos anos vinte exerceu como correspondente de Correo de Galicia no Uruguai, foi redactor de Terra e colaborou en Céltiga, formando parte da Peña Céltiga. Fundou en 1920 a revista Mundo Teatral e en 1935 La Lectura. Creou a Editorial Mar, na que apareceu a primeira tradución ao castelán da novela de Castelao Os dous de sempre, feita por el en 1937. Na década dos corenta trasladouse a Arxentina, onde continuou co seu labor cultural, e vencellourse á Federación Libertaria Argentina.
Cultivou a poesía, a novela e o ensaio, pero destacou como dramaturgo. Estreou moitas obras no Uruguai e a Arxentina, algunhas premiadas como Estoy sola y te espero, Premio de la Sociedad de Autores Teatrales del Uruguay en 1942. Algunhas obras fixéronse famosas pola censura dos gobernos ditatoriais arxentinos, como Argentina, hora cero. A obra Las viudas de los vivos trata o tema da emigración e desenvólvese en Malpica de Bergantiños. Tamén escribiu ensaios dedicados ao mundo teatral como El Teatro (ayer, hoy y mañana) e de tema político, Teoría del Estado de Transición.