Este artigo precisa de máis fontes ou referencias que aparezan nunha publicación acreditada que poidan verificar o seu contido, como libros ou outras publicacións especializadas no tema. Por favor, axude mellorando este artigo.
Arquitectura de Galicia
Prehistoria
Imperio Romano
Prerrománico
Románico
Gótico
Renacemento
Barroco
Neoclasicismo
Século XIX
Século XX
Século XXI

A arquitectura romana en Galicia correspóndese coas infraestruturas e construcións erixidas polos romanos durante a súa estadía en Galicia, aproximadamente dende as primeiras incursións e posterior asentamento dos romanos na Gallaecia durante o século I a.C., ata o establecemento do Reino Suevo no século V, unha vez desaparecido o Imperio Romano.

Historia

[editar | editar a fonte]
Xenio romano de Ponte Puñide, O Pino.

O territorio galego actual foi conquerido polos romanos definitivamente entre o 26 e o 19 a.C. no contexto das guerras cántabras e da man do emperador Augusto. Xa antes, os romanos amosaran o seu interese polo territorio noroccidental da península. Levando a cabo campañas que non tiveron unha grande importancia e limitáronse a unha zona xeográfica moi concreta: o sur da Gallaecia, con especial incidencia na zona costeira.

O mesmo xuízo histórico merecen unha serie de expedicións posteriores coma as do procónsul da Ulterior, Publio Craso, do 9694 a.C., que realizou unha expedición na pescuda das illas Casitérides e as súas minas de estaño, abrindo as rutas de comercio deste mineral. No 62 a.C. é o propio Xulio César quen visita Gallaecia movido polo seu desexo de obter riquezas, chegando ata o golfo Ártabro e abandonando esta terra por Brigantium.

Trala conquista, Augusto inclúe o territorio da actual Galicia na Lusitania, pero xa no 13 a.C. pasa á Hispania Citerior. O mesmo Augusto, reforma a división provincial de Hispania no 27 a.C, asignando a Gallaecia á provincia Tarraconense. Con Caracalla quizais formou parte, xa con Asturias e Cantabria, da Hispania Nova Citerior Antoniana, (214), pero non foi ata a reforma de Diocleciano -quen dividiu Hispania no 298 en sete provincias- que se constitúa a Provincia da Gallaecia.

Durante a época Flavia prodúcense unha serie de decisións que tiveron un profundo calado político. A concesión do Ius Latii trouxo consigo un profundo cambio tanto no ámbito urbano, co incremento da poboación nos núcleos urbanos xa existentes e a creación de novos, como no rural. Isto traería consigo un aumento xeneralizado da riqueza da poboación, que na práctica na Gallaecia non se ten constatado a través dos achados arqueolóxicos. O atraso económico sería maior no convento Lucense ca no Bracarense se comparamos estes territorios cos máis desenvolvidos da Península Ibérica e agravouse máis cos Antoninos[Cómpre referencia].

Deste xeito, hoxe en día, non se pode falar para Gallaecia da existencia dunha economía baseada no uso cotián da moeda. Gallaecia viviu fundamentalmente sobre a base dunha economía natural baseada no troco, ata mediados do século III e, máis claramente, ata o século IV.

Época romana

[editar | editar a fonte]

Desenvolvemento urbano

[editar | editar a fonte]
Muralla de Lugo.

Trala conquista de Galicia, os pobos que a habitaban axiña asimilaron a cultura do imperio, producíndose deste xeito a romanización de Galicia que se prolongaría durante os seguintes catro séculos. Esta política de asimilación comezou oficialmente entre os anos 64 e 70 cando Vespasiano converte en pobo romano aos 451.000 gallaicoi[1]. Coa chegada dos romanos os castros transformaríanse nas villae, como por exemplo a Vila romana de Cambre. Por outra banda a poboación incorporaría as novas tecnoloxías, como a arquitectura, a agricultura baseada no arado, o Dereito romano ou a minería. Neste senso cabe destacar o sistema de extracción de metais denominado ruina montium, que consistía en escavar túneles nos outeiros, polos que se introducía de súpeto a auga de encoros preparados, estoupando o monte e rescatando augas abaixo os minerais valiosos (especificamente, o ouro).

Ademais dos castros, os antigos campamentos militares e asentamentos romanos acabaron converténdose en grandes cidades, como por exemplo Lucus Augusti, lugar onde se empraza a actual vila de Lugo. Estas vilas foron unidas por unha serie de vías construídas polos romanos para facilitares a súa comunicación[2] e fomentar o seu comercio con outras vilas do imperio. (Véxase Itinerario de Antonino).

Construcións

[editar | editar a fonte]
Castro de Viladonga, Castro de Rei.

A enxeñería civil está representada en impoñentes construcións como a muralla de Lugo, a torre de Hércules na Coruña, e pontes como a de Ourense sobre o río Miño. As construcións civís víronse impulsadas sobre todo baixo o emperador Traxano (117 a.C.- 98 a.C.).

Outras obras importantes a destacar espalladas ao longo da xeografía galaica son as vilas romanas, as mansións, os castros romanizados, os campamentos romanos, as termas e os santuarios.

As vilas romanas eran empregadas con funcións produtivas e residenciais; destacan as vilas romanas atopadas na Illa de Toralla (Vigo) e en Cambre, exemplos de vilas costeiras e rurais respectivamente. As mansións empregábanse como paradas obrigatorias nunha calzada romana, estas estaba dotadas de baño, cociña, habitación e cortes. Como exemplo deste tipo de construción destaca a mansión de Aquis Originis en Lobios. Entre os castros romanizados destacan o de Viladonga en Castro de Rei, o de San Cibrao de Lás pertencente aos concellos de Punxín e San Amaro, o de San Tomé en Ourense e mailo de Elviña na Coruña. Os castros romanizados conservan trazos típicos da arquitectura romana, como son as casas con tellado e planta cadrada. Entre os campamentos romanos destacan o de Aquis Querquennis en Bande e A Ciadella en Sobrado.

Situadas á beira do río Miño, debaixo do actual balneario, entre as termas destacan as Termas de Lugo. Para rematar, destacan os santuarios adicados ao deus Berobreo[Cómpre referencia] en Cangas do Morrazo e o de Santalla de Bóveda na provincia de Lugo.

Galería de imaxes

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Galería de imaxes de arquitectura romana en Galicia.

Notas

[editar | editar a fonte]
  1. Según Plinio
  2. Chueca Goitia, Fernando. De Grecia al Islam. Seminarios y Ediciones, 1974. ISBN 84-299-0054-3, páginas 172–174, 179. DOSSAT, 2000, ISBN 84-95312-32-8