Biografía | |
---|---|
Nacemento | século XVII O Pereiro de Aguiar |
Morte | século XVIII |
Datos persoais | |
País de nacionalidade | España |
Actividade | |
Ocupación | militar |
Familia | |
Irmáns | Benito Xerónimo Feijoo e Montenegro |
Anselmo Feijoo Montenegro, nado no século XVII en Casdemiro (O Pereiro de Aguiar), foi un militar e escritor galego dos Séculos Escuros. As composicións máis coñecidas a el atribuídas son "Prantos da ninfa Zigalia" e "E vós non vedes a teima?".
Anselmo Feijoo Montenegro viviu durante a época dos Séculos Escuros, na cal a produción literaria en galego era moi escasa e non saíron á luz un gran número de obras literarias. Algunhas das súas obras foron publicadas como é o caso das súas quintillas "Llanto de la flota por una ninfa gallega" ou E vos non vedes a teima?.[1] A primeira, tamén coñecida como "Prantos da ninfa Zigalia",[2] foi a súa obra mais relevante. Anselmo lla mandou ao seu irmán, Benito Jerónimo Feijoo Montenegro, para que a revisase e a corrixise.[Cómpre referencia] Isto ocasionou que se lle atribuíse ao maior dos irmáns a autoría desta obra. Aínda así, máis alá do estrito valor literario ou testemuñal para a historia da cultura galega, os textos escritos en galego durante os Séculos Escuros deste personaxe teñen unha importancia extraordinaria para poder reconstruír sobre datos fiables a evolución lingüística do galego durante ese longo período de máis de trescentos anos.
Prantos da ninfa Zigalia: Este poema publicado en 1702 foi obxecto de moitas investigacións e estudos xa que primeiramente non se soubo con precisión a autoría da obra. Logo disto e tras moito traballo chegouse á conclusión de que fora escrito por Anselmo Feijoo Montenegro, e que logo llo enviou a seu irmán Benito Xerónimo Feijoo Montenegro para que este llo corrixira.[Cómpre referencia] Deste modo o poema apareceu nos manuscritos de Benito. O poema foi conservado con dúas versións, ámbalas dúas en castelán. Unha delas ten un título no que se fala dunha ninfa identificada cun nome propio, “Zigalia”, e outra versión na que se caracteriza a esta ninfa cun xentilicio, pero non está determinada de por si. O tema do poema é o fracaso da frota da prata na batalla de Rande, en outubro de 1702, no contexto da Guerra de Sucesión Española, que enfronta os partidarios de Filipe V de España) e os partidarios de arquiduque Carlos de Austria. O poema disponse en 15 quintillas octosilábicas nas que a rima consonante segue o esquema abaab.
E vós non vedes a teima?: Este poema, incluído en Sagradas flores del Parnasso,[3] componse de 5 estrofas de 10 versos octosílabos, a estrutura da rima é: abbaaccddc (repetida en todas as estrofas). Podería dicirse que pertence ao xénero da poesía culta, dentro dos Séculos Escuros. Neste poema faise referencia a unha anécdota protagonizada polo rei Filipe V e a súa dona Isabel de Farnesio en 1722, cando baixaron do seu coche para montar nel a un crego que ía levar o viático; con tal motivo a Gazeta de Madrid espallou por toda España a invitación a glosala, que foi aceptada por un bo número de poetas, e entre eles os irmáns Anselmo e Plácido Feijoo.
Curioso romance en lengua gallega (hoxe perdido). Seguramente escribise máis obras na súa vida, mais dada a época literaria na que viviu non se puideron recuperar nin transcribir para a posteridade. Do mesmo xeito tamén hai posibilidades de que algunhas das súas obras as publicase seu irmán Benito Xerónimo xa que Anselmo adoitaba enviarlle os seus poemas para que este llos corrixise.
A Galifontes posúe textos orixinais acerca de: Anselmo Feijoo Montenegro |
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Anselmo Feijoo Montenegro |