Ameixa rubia
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Mollusca
Clase: Bivalvia
Subclase: Heterodonta
Orde: Veneroida
Familia: Veneridae
Xénero: 'Venerupis'
Especie: 'Venerupis rhomboides'
Ameixas rubias á venda na praza do Grove

A ameixa rubia[1][2](Venerupis rhomboides, Pennant 1777 [3]; antes Tapes rhomboides) é unha especie de molusco bivalvo mariño pertencente á familia dos Venéridos (Veneridae), da orde Veneroida.

Morfoloxía

Ten unha cuncha sólida, equivalva pero non equilateral (o umbo está desprazado cara á parte anterior) e perfil ovalado. Presenta liñas de crecemento finas. A charnela posúe tres dentes cardinais en cada valva, algúns bífidos.

A cor é típicamente rubia, avermellada, desde tons cremas a rubia castaña, adoito con raias, manchas ou bandas quebradas máis escuras que a cor do fondo.

Hábitat e bioloxía

En Galicia abunda nas Rías Baixas. Vive enterrada nos fondos de area e grava, desde a franxa infralitoral ata os 200 m de profundidade.

Aproveitamento pesqueiro e comercial

Péscase con raños desde a embarcación.

Cocíñase e consómese como as outras ameixas, aínda que esta é menos apreciada. A carne endurece se se prolonga a cocción. Tamén se utiliza para conserva.

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para ameixa.
  2. O Dicionario Xerais da Lingua recolle tamén as formas ameixa beada, ameixa rosada e ameixa vermella
  3. O World Register of Marine Species [1] considera que o nome científico válido actualmente é o de Polititapes virgineus (Linnaeus, 1767), pero mantemos o de Venerupis rhomboides seguindo a nomenclatura oficial vixente en España (Resolución de 28 de maio de 2012, da Secretaría Xeral de Pesca, pola que se establece e se publica a listaxe de denominacións comerciais de especies pesqueiras e de acuicultura admitidas en España (BOE nº 148, de 21.06.2012) [2].

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos