Este artigo contén varias ligazóns externas e/ou bibliografía ao fin da páxina, mais poucas ou ningunha referencia no corpo do texto.Por favor, mellora o artigo introducindo notas ao pé, citando as fontes. Podes ver exemplos de como se fai nestes artigos.
En 1863 publicouse o poemario Cantares gallegos, de Rosalía de Castro. Así, o Almanaque de Galicia sitúase no Rexurdimento, período que tivo lugar na segunda metade do século XIX. Nesta época os poetas recorren á literatura popular para crear os seus textos. Debía ser unha literatura feita para o pobo e a partir do pobo. De aí despréndese o gusto popularizante dos poetas desta época.
Os almanaques conteñen tanto colaboracións en verso como en prosa, na gran maioría en castelán; de feito, en cada almanaque só aparece un ou dous escritos en galego. Teñen algunhas seccións fixas como son a “Galería de gallegos ilustres” ou as “Épocas célebres”, “Témporas” etc. Tamén adoitan aparecer escritos referentes á historia de Galicia.
Nesta serie cabe destacar o Almanaque de 1865. En 1865 saía dos talleres do impresor Soto Freire, en Lugo, a terceira entrega do Almanaque de Galicia, "para uso de la juventud elegante y de buen tono" "dedicado a todas las bellas hijas del país". Entre a variada mestura usual dos almanaques, incluíanse tres textos firmados por Rosalía de Castro: un poema sen título (diálogo entre Ángel e Mujer", unhas curiosas confidencias, de posíbel contido autobiográfico ("Las literatas") e un artigo de título costumista: "Tipos gallegos. El cadiceño". Estes tres artigos foron escritos en castelán e seguen a corrente literaria do costumismo, cuxa finalidade principal era a toma de conciencia da identidade galega, e provocaron ademais dúas polémicas importantes da obra rosaliana.[Cómpre referencia]
Ademais destas incorporacións, o almanaque deste ano non estivo exento de polémica debido a que os alumnos do Seminario de Lugo, en violenta manifestación de protesta, esnaquizáronlle o local ao impresor para impedir a publicación do conto “El Codio”, de Rosalía de Castro, no que se ironizaba sobre algúns estudantes de cura.[Cómpre referencia] Conseguiron os manifestantes o seu propósito e o texto desapareceu. Por outra parte, non se ten tanta información de todos os almanaques como se ten do de 1865, pois do almanaque pertencente ao ano 1868 non se viu ningún exemplar pero si se coñece o sumario.
Cabe dicir que algúns almanaques consérvanse na actualidade de forma renovada. Os almanaques foron publicados coma unha colección que se mantén durante seis anos e suma un total de seis números. Non obstante, na biblioteca de Real Academia Galega fixéronse tres reproducións: o Almanaque para 1865 (segundo ano), o Almanaque para 1866 (terceiro ano) e o Almanaque para 1869 (sexto ano).
Porén, hai moitos poemas que non inclúen o nome do autor e outros que o inclúen mais son iniciais ou un pseudónimo polo que non hai certeza para atribuír a súa autoría.