Alcachofa

alcachofas nunha leira
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Asterales
Familia: Asteraceae
Subfamilia: Cichorioideae
Tribo: Cardueae
Subtribo: Echinopsidinae
Xénero: Cynara
Especie: 'C. scolymus'
Nome binomial
'Cynara scolymus'
L., Sp. Pl., 2: 827, 1753 [1]

A alcachofa (Cynara cardunculus var. scolymus)[1] é unha planta cultivada como alimento en climas temperados. Pertence ao xénero Cynara dentro da familia Asteraceae. Chámaselle en galego alcachofa tanto á planta enteira, como á inflorescencia en capítulo, testa floral comestíbel. É un cultivo común nas zonas mediterráneas, porén non é popular en Galicia, tendo sido asimilado na cociña en épocas recentes procedente doutras gastronomías (españolas e francesas principalmente).

Etimoloxía

Aínda que a Real Academia Galega só recolle alcachofa coma acepción, o certo é que a variante alcachofra aparece en moitas máis fontes galegas, ademais de coincidir coa forma actual portuguesa.[2]

A verba alcachofa entra no galego probabelmente a través do castelán e portugués (alcachofra). O termo vén do árabe hispánico: alẖaršúf[a], este do árabe ẖuršūf[ah], e este á súa vez quizabes do pahlavi hār čōb 'pau de espiños').[3]

Descrición

Calátide de alcachofa en floración.

A alcachofa é unha planta que acada de 1,4 a 2 metros de altura, que volve abrochar do cepo todos os anos, pasado o inverno, se o frío non a xeou. Bota unha roseta de follas profundamente segmentadas aínda que menos divididas que as do cardo e con poucos ou ningún espiño. As follas teñen cor verde clara na face e no envés fican cubertas por unhas febrelas abrancazadas que lle dan un aspecto pálido. Tanto o pecíolo coma a vea principal da folla teñen costelas lonxitudinais moi saíntes.

Cando a planta entalece bota un rebento máis ou menos alto, rexo, mais tamén con costelas e asucado con cada vez follas máis escasas e menos divididas a medida que estean máis altas en dito talo. No seu ápice, e nalgunhas divisións laterais, traen unhas cabeciñas moi grosas, as alcachofas en si, cubertas de numerosas brácteas coriáceas, na base das cales está o tenro e comestíbel. Ao florearen, esas brácteas endurecen moito polo que non se poden aproveitar para comer, aínda que non rematen en espiñas como as dos cardos.

Procedencia xeográfica

Orixinariamente as alcachofas procedía do Mediterráneo e nordés de África. A alcachofa é un parente moi achegado do tamén comestíbel cardo común.

Historia

Esta planta (ou os cardos dos que procede) podería ser orixinaria de Exipto ou do norte de África. A planta denominada Cynara xa era coñecida por gregos e romanos. Disque se lle outorgaban poderes afrodisíacos e toma o seu nome dunha rapaza seducida por Zeus, e despois transformada por este en alcachofa.

Durante a Idade Media non se coñecía a alcachofa, e se pensa que nesta época, do cultivo sucesivo dos cardos, os horticultores aos poucos os transformaron até conseguir a alcachofa. Xa era consumida na Italia do século XV. Chegada de Sicilia, aparece na Toscana contra 1466. A tradición di que foi introducida en Francia por Catarina de Médici que gustaba de comer corazóns de alcachofa. Esta florentina levounas dende a súa Italia natal ao casar co rei Henrique II de Francia. Lois XIV era así mesmo un gran consumidor de alcachofas. Os colonos españois e franceses nas Américas, introducírona neste continente. Co tempo, en California, os cardos chegaron a se converter nunha auténtica praga, exemplo de planta invasora dun hábitat no que non se atopaba anteriormente.

Propiedades

Alcachofas á brasa.

Valor nutricional:

kJ = 220

Glícidos = 10.51g

Amidón =

Azucres = 0.99g

Fibra = 5.4g

Graxas = 0.34g

Proteínas = 2.89g

VitB1_mg = 0.05

VitB2_mg = 0.089

VitB3_mg = 0.111

VitB5_mg = 0.24

VitB6_mg = 0.081

VitB9_ug = 89

VitC_mg = 7.4

Calcio_mg = 21

Ferro_mg = 0.61

Magnesio_mg = 42

Manganeso_mg = 0.225

Fósforo_mg = 73

Potasio_mg = 276

Cinc_mg = 0.4

Fonte_usda = 1

Despois da auga, o compoñente maioritario das alcachofas son os glícidos, entre os que salienta a inulina e maila fibra. Os minerais maioritarios son o sodio, o potasio, o fósforo e mailo calcio; e entre as vitaminas salienta a presenza das vitamina B1, vitamina B3 e pequenas cantidades de vitamina C. Porén, o máis salientábel da súa composición son unha serie de substancias que se atopan en pequena cantidade, mais dotadas de notábeis efectos fisiolóxicos positivos:

As súas flores, o mesmo que as do cardo, conteñen o lévedo "lab" (que é un conxunto de 3 encimas: pepsina, quimosina e paraquimosina) que serve como callo do leite para a elaboración de queixos. Ditos queixos reciben xeralmente o cualificativo de queixo de flor; por exemplo o «Queso de flor de Guía», en Gran Canaria.

Usos medicinais

Aviso médico
Aviso médico
Advertencia: A Wikipedia non dá consellos médicos.
Se cre que pode requirir tratamento, por favor, consúltello ao médico.

Emprégase a xeito de extractos secos e doutras preparacións galénicas[4]:

Usos soportados por datos clínicos

Para o tratamento de molestias dixestivas (por exemplo: dispepsia, sensación de plenitude, flatulencia, náuseas, dor de estómago e vómitos). Como tratamento adxunto da hipercolesterolemia suave a moderada.

Usos descritos na farmacopea e noutros documentos

Úsase oralmente para o tratamento da ateroesclerose e para disfuncións do ril (polo seu efecto diurético). Un estudo indicou que pode ser beneficioso no tratamento da síndrome do intestino irritábel, porén cómpren máis ensaios clínicos antes de se poder facer recomendacións terapéuticas.

Usos descritos na medicina tradicional

Utilizada no tratamento da anemia, diabetes, febre, gota, reumatismo e pedras en vías urinarias.

Advertencias sobre a utilización de preparacións feitas a partir de extractos de alcachofa

A) Reaccións adversas:

B) Contraindicacións: Hipersensibilidade ou alerxia ás alcachofas e obstrución dos condutos biliares.

C) Advertencias: Crese que é posíbel a interacción con anticoagulantes do tipo das cumarinas.

D) Precaucións:

E) Posoloxía: Para facer recomendacións xerais sobre a dose a utilizar cómpre coñecer a pureza dos extractos empregados.

Produción

Segundo a FAO, os 10 países a seguir foron en 2018 os de maior produción - en toneladas e orde decrecente:

Principais produtores de Cynara scolymus - 2018
en toneladas
 Italia 389.813
 Exipto 323.866
 España 208.463
 Perú 154.552
 Alxeria 124.659
 Arxentina 110.657
 China 90.397
 Francia 47.190
 USA 45.382
 Marrocos 44.591
Fonte: [ONU: A División de Estadística] [5]

Notas

  1. Rottenberg, A. e D. Zohary, 1996: The wild ancestry of the cultivated artichoke. Genet. Res. Crop Evol. 43, 53—58.
  2. "Procurar da expresión alcachofa entre os lemas no Dicionario de dicionarios". Dicionario de dicionarios. Consultado o 29 de febreiro de 2024. 
  3. "Consulta do termo alcachofa no dicionario". RAE. Consultado o 29 de febreiro de 2024. 
  4. World Health Organization. WHO monographs on selected medicinal plants, Vol. 4. Geneva: WHO; 2009. 456 páxinas. ISBN 978-92-4 154705-5
  5. "Estadísticas de: Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura: A División de Estadística". ONU-FAO. Arquivado dende o orixinal o 16 de febreiro de 2016. Consultado o 1 de outubro de 2016. 

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos