William Friedkin, nado en Chicago (Illinois) o 29 de agosto de 1935[1] e finado nos Ánxeles o 7 de agosto de 2023, foi un director de cine estadounidense.
Mal estudante, pensou en dedicarse profesionalmente ao baloncesto, pero tralo instituto xa comezou a traballar na televisión.
Tras unha exitosa carreira, na que chegou a dirixir un capítulo de The Alfred Hitchcock Hour, marchou a Hollywood en 1965, debutando no cinema dous anos despois con Good Times.
Tras varios filmes artísticos chegou o grande éxito The French Connection, co que gañou, entre outros premios, o oscar ao mellor director de 1971. A esta película seguiulle O exorcista, co que volvería triunfar entre o público e a crítica. Con estes filmes foi visto, xunto a Francis Ford Coppola e Peter Bogdanovich, como representante do Novo Hollywood.
As súas seguintes películas foron recibidas con diferentes críticas, non volvendo a ter un éxito coma os dos inicios dos setenta.