Este artigo amosa letras cirílicas. Sen o soporte axeitado, o texto pode mostrar símbolos sen sentido, coma caixas, marcas e outros.
Volodymyr Oleksandrovych Zelenskyi[1] (en ucraíno: Володимир Олександрович Зеленський) nado en Krivoi Roh o 25 de xaneiro de 1978, é un político, guionista, actor, comediante e produtor/director cinematográfico ucraíno, actual presidente de Ucraína desde 2019, sendo o 6.º presidente desta república.[2] Zelenskyi fíxose popular no seu país por interpretar o personaxe principal dunha serie de TV.[3][4]
Nacido no sueste de Ucraína, Zelenskyi é fillo de pais xudeus.[5] Estudou na Universidade Nacional Económica de Kíiv, onde se graduou en Dereito. No entanto, nunca exerceu actividades no campo xurídico.[6][7] Iniciou a súa carreira artística aos 17 anos, nun concurso de comedia. Fíxose coñecido entre os ucraínos ao estabelecer e liderar a empresa "Kvartal 95".[8][9] En 2015, Zelenski fíxose moi popular pola serie de televisión Servo do Pobo, na cal interpretou o papel de presidente de Ucraína.[10][11] Zelenski foi un dos actores do programa cómico "Kíiv á tarde", obtendo popularidade a partir da mesma. Vladimir satirizaba a realidade ucraína e o ultranacionalismo ucraíno, pois defendía que Ucraína era un país multilingüe, e apoiaba a protección da lingua rusa (moi falada no leste do país) e doutras linguas minoritarias do oeste. A pesar deste apoio, Vladimir, nunha das súas actuacións apoiou o exército ucraíno, dicindo: "Grazas por defendernos destes diabos".[12][13]
Zelenski apoiou o movemento Euromaidan e o exército ucraíno durante a guerra cos rebeldes pro-Rusia no leste do país.[14] O 31 de decembro de 2018, anunciou a súa candidatura á presidencia de Ucraína. Durante a campaña presentou un discurso de renovación e anticorrupción.[15][16] A súa ascendencia nas enquisas foi froito do rexeitamento cara ás elites e aos políticos, vistos por boa parte da poboación como incapaces de superar as dificultades económicas e os escándalos de corrupción.[17][18][19][20] Na primeira volta das eleccións presidenciais de 2019, o 31 de marzo, recibiu o 30% dos votos - sendo o candidato máis votado -, contra o 16% de Petro Poroshenko, o presidente entón en exercicio - e 13% de Yuliia Tymoshenko.[21] Zelenski e Poroshenko pasaron á segunda volta, realizada o 21 de abril de 2019, e Zelenskyi acabou sendo facilmente elixido na mesma, recibindo o 73% dos votos.[22][23][24]
Este artigo (ou sección) está desactualizado(a). A información fornecida mudou ou é insuficiente.
En 2018, os activos de Zelenskyi acadaron un valor de 1,5 millóns de dólares (uns 37 millóns de grivnas).[25]
En outubro de 2021, os Pandora Papers revelaron unha rede de empresas en paraísos fiscais fundada e mantida por Volodymyr Zelenskyi e a súa contorna. Entre as montaxes financeiras atópanse canto menos unha ducia de empresas que lle pagaron dividendos (cuxo importe é descoñecido) tras a súa chegada á xefatura do país. A través destas empresas, posúe inmóbeis de luxo no corazón da capital británica, Londres.[26] Cando saíu á luz a investigación, a administración presidencial explicou que nese intre, o presidente e os seus asociados querían protexer o seu grupo contra as «accións agresivas» e o «réxime corrupto» do expresidente prorruso Viktor Yanukovych. Entre os arranxos financeiros atópanse canto menos unha decena de empresas, algunhas das cales pagarían dividendos á compañeira de Volodymyr Zelenskyi, logo de que chegara á cabeza do país.[27][28][29][30]
A Oficina do Alto Comisionado das Nacións Unidas para os Dereitos Humanos (ACNUDH) informou en 2021 da súa preocupación polo recorte das liberdades fundamentais en Ucraína, sinalando en particular o peche de medios de comunicación e as restriccións ás opinións «críticas».[31]
O 13 de setembro de 2022, en Izium, un soldado ucraíno da garda armada de Zelenskyi utilizou o símbolo Totenkopf no seu uniforme, razón pola cal o goberno ucraíno eliminou a imaxe das súas redes sociais.[32]