Biografía | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Nacemento | 2 de novembro de 1928 Zelovo, Sinj, Croacia (en) | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Morte | 11 de agosto de 2014 (85 anos) Split, Croacia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Causa da morte | complicación médica | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lugar de sepultura | Lovrinac Cemetery (en) , site T, row N, #23/2 43°30′38″N 16°29′45″L / 43.51047, 16.49574 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Datos persoais | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
País de nacionalidade | Croacia República Federal Socialista de Iugoslavia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Altura | 184 cm | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Peso | 82 kg | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Actividade | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Ocupación | futbolista , adestrador de fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Período de actividade | 1947 - 1964 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Lingua | Lingua croata | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Nacionalidade deportiva | Iugoslavia | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Deporte | fútbol | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Posición de xogo | Gardameta | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
| |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Participou en | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
xuño de 1958 | Mundial de Fútbol Suecia 1958 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1954 | Mundial de Fútbol Suíza 1954 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1952 | Xogos Olímpicos de 1952 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
1950 | Mundial de Fútbol Brasil 1950 | ||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
Premios | |||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||||
|
Vladimir Beara, nado en Zelovo Sutinsko o 26 de agosto de 1928 e finado en Split o 11 de agosto de 2014, foi un futbolista e adestrador iugoslavo. Está considerado como un dos mellores porteiros da súa época.[1][2] Destacou no Hajduk Split e no Estrela Vermella, cos que gañou un total de sete ligas iugoslavas. Foi o gardameta que máis veces vestiu a camiseta da selección iugoslava (59), disputando tres Copas do Mundo e gañando unha medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1952.
Naceu nunha familia de etnia serbia en Zelovo Sutinsko, actualmente parte de Croacia, e por aquel entón no Reino dos Serbios, Croatas e Eslovenos. Seus pais eran Jakov e Marija,[3] e tiña dous irmáns chamados Ljubo e Sveto.[4] Ao pouco tempo mudouse coa súa familia a Split e durante a segunda guerra mundial chegou a loitar como partisano.[4] Electricista de profesión, practicou ballet e en 1947 ingresou no Hajduk Split.[5]
Axiña se converteu no porteiro titular do Hajduk, quitándolle o posto a Branko Stinčić,[6] e militou no equipo preto dunha década, disputando 308 partidos. Neste club converteuse no mellor gardameta do país e nun dos mellores de Europa, e axudou ao equipo a gañar tres ligas iugoslavas nos anos 1950, 1952 e 1955, nun equipo no que destacaban tamén futbolistas como Frane Matošić e Bernard Vukas. Con todo, varios desacordos co club e o feito de sentirse pouco valorado (en parte pola súa orixe serbia), provocaron a súa marcha en 1955, cando fichou polo Estrela Vermella de Belgrado. Foi unha das fichaxes máis célebres e polémicas da historia do fútbol iugoslavo e dende entón pasou a ser considerado un traidor para a afección do Hajduk.[4][7]
Militou no Estrela Vermella durante os seguintes cinco anos, conquistando catro títulos da liga iugoslava e dúas Copas de Iugoslava. Participou en tres edicións da Copa de Europa e disputou as semifinais na 1956/57, caendo ante a Fiorentina de Fulvio Bernardini. En 1958 foi o porteiro do Estrela Vermella ante o Manchester United no último partido que o club inglés xogou antes do Accidente de Múnic. En 1963, o porteiro soviético Lev Iashin, declarou tras recibir o Balón de Ouro que o mellor porteiro do mundo non era el, senón Beara.[1][8]
Rematou a súa carreira en Alemaña en 1964, despois de xogar no Alemannia Aachen, onde sufriu dúas graves lesións, e no Viktoria Köln.[6]
Foi 59 veces internacional coa selección de Iugoslavia entre 1950 e 1959.[9] Antes xa da súa estrea internacional, formou parte da selección iugoslava no Mundial de 1950, pero non chegou a xogar, sendo o porteiro titular naquel campionato Srđan Mrkušić. Finalmente debutou o 8 de outubro de 1950, nun partido amigable ante Austria no Praterstadion de Viena, encontro que rematou con derrota por 7-2 e no que entrou nos minutos finais como substituto de Mrkušić.[10] Foi titular a partir do seguinte partido e no seu terceiro encontro coa selección tivo unha destacada actuación no empate a dous goles ante Inglaterra en Highbury, na primeira ocasión que un equipo de fóra das illas británicas lograba obter polo menos un empate contra a selección inglesa a domicilio.[1] As súas numerosas paradas naquel encontro déronlle fama en Inglaterra e no resto de Europa.[1][4]
Formou parte do equipo iugoslavo que conseguiu a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1952 en Helsinqui. Foi o porteiro titular en tódolos partidos, incluído o histórico empate 5-5 contra a Unión Soviética no estadio de Ratina e o encontro de desempate no que Iugoslavia venceu por 3-1.[11][12] Na final contra Hungría converteuse nun dos poucos gardametas en conseguir pararlle un penalti a Puskás, pero o equipo iugoslavo acabou perdendo por 2-0, con goles do propio Puskás e de Czibor.[3]
No seu segundo Mundial, o de 1954, foi xa titular, disputando os tres partidos de Iugoslavia, que caeu nos cuartos de final contra Alemaña Occidental. O Mundial de 1958 foi a súa terceira e última participación, e disputou outros tres partidos, chegando de novo aos cuartos de final. Xogou o seu último partido coa selección o 11 de outubro de 1959, nun amigable contra Hungría no estadio JNA, no que Iugoslavia perdeu por 2-4, cun triplete de Flórián Albert
En 1953 foi un dos catro xogadores iugoslavos da selección mundial da FIFA que se enfrontou nun amigable contra Inglaterra en Wembley, como celebración do 90º aniversario da Asociación Inglesa de Fútbol. Beara xogou a segunda parte, substituíndo a Walter Zeman, nun partido que rematou 4-4.[13]
En 1967 Beara rematou un curso de adestrador na academia deportiva da Universidade Alemá do Deporte de Colonia e pasou a adestrar clubs de Alemaña, os Países Baixos, Austria e a propia Iugoslavia. Entre 1970 e 1972 foi axudante de Slavko Luštica no Hajduk Split, co que gañou a liga iugoslava de 1971.
Entre 1973 e 1975 dirixiu a selección do Camerún e en 1975 gañou a Recopa de África co Tonnerre Yaoundé.[14]
O 11 de agosto de 2014, a familia de Beara anunciou a súa morte en Split, despois de que sufrise varios accidentes cerebrovasculares durante o ano anterior.[15] Foi enterrado no cemiterio católico de Lovrinac. A decisión tomada pola viúva de Beara, Jadranka, de enterralo nun cemiterio católico foi recibida con críticas, porque Beara era un firme crente da Igrexa Ortodoxa Serbia.[16][17]