Viktor Emil Frankl, nado en Viena o 26 de marzo de 1905 e finado na mesma cidade o 2 de setembro de 1997, foi un neurólogo e psiquiatra austríaco, fundador da logoterapia, tamén chamada terceira escola vienesa da psiquiatría. De orixe xudía, sobreviviu dende 1942 ata 1945 en varios campos de concentración do Terceiro Reich nazi, incluídos Auschwitz e Dachau. Froito da súa experiencia, escribiu a súa obra máis coñecida, Ein Psychologe erlebt das Konzentrationslager (Un psicólogo experimentado no campo de concentración), tamén publicada en inglés en edición revisada polo autor coma Man's Search for Meaning (O home na busca de sentido).[1]
Viktor Frankl naceu no seo dunha familia xudía. Seu pai traballaba no parlamento, onde ocupou postos de estenógrafo e rematou coma ministro de asuntos sociais. Dende mozo, Frankl mostrou un grande interese pola psicoloxía e mais a política, pois pertenceu a varias organizacións xuvenís próximas ao socialismo.
Estudou medicina na Universidade de Viena e especializouse en neuroloxía e psiquiatría. Dende 1933 ata 1937 traballou no Hospital Xeral da cidade, pero os vindeiros anos, ata 1940, practicou a psiquiatría na súa propia consulta privada, algo moi típico na época. Despois, dirixiu ata 1942 o departamento de neuroloxía do Hospital Rothschild, o único hospital de Viena onde os xudeus podían acudir, tras o triunfo do NSDAP, o partido nazi, en Alemaña e o Anschluss.
En decembro de 1941 casou co Tilly Grosser, tamén de orixe xudía. No outono do seguinte ano, xunto á súa muller e os seus pais, foi deportado ao campo de concentración de Theresienstadt. Tres anos máis tarde, foi trasladado a Auschwitz e despois a Kaufering e Türkheim, dous subcampos asociados a Dachau. Foi liberado o 27 de abril de 1945 polo exército estadounidense, mais a súa muller e familia non sobreviviron ao Holocausto xudeu e endexamais volveu velos.
Despois da súa liberación, volveu a Viena, onde escribiu, froito dos seus pensamentos nos campos de exterminio, o seu máis famoso libro, Ein Psychologe erlebt das Konzentrationslager , unha aproximación á psicoloxía dun prisioneiro (e, ás veces, dos carcereiros) nun campo de concentración dende a perspectiva dun psiquiatra. Nesta obra expón que, aínda vivindo nas máis extremas condicións de deshumanización e sufrimento, o home pode atopar unha razón para vivir, un sentido para a súa vida que o protexa de perder o siso, baseándose na súa tendencia natural á transcendencia e á súa dimensión espiritual, que leva de xeito natural á esperanza. O libro é considerado un dos mellores testemuños do Holocausto, grazas, en gran parte, á súa linguaxe serena e comprensiva, moi lonxe da vinganza ou do rancor.
Esta reflexión confirmouno nas súas ideas previas ao Holocausto, concretadas na logoterapia, considerada a terceira escola vienesa da psicoloxía, despois da psicanálise de Freud e a psicoloxía individual de Alfred Adler, ambos os dous importantes influencias de Frankl, aínda que defendesen ideas dispares sobre a conduta e natureza humana, feito que animou a Frankl a crear a súa propia escola. A logoterapia afirma que o verdadeiro motor dunha vida é a busca dun sentido vital pleno, cara á esperanza. O traballo do terapeuta será axudar o paciente a coñecer os camiños para atopar este sentido. Grazas ao seu traballo dirixiu a policlínica neurolóxica de Viena ata 1971.
As ensinanzas de Frankl foron recoñecidas mundialmente. En 1949 recibiu un doutoramento honorario en Filosofía. En 1955, foi nomeado profesor da Universidade de Viena. A partir de 1961, compaxinou cinco postos de profesor nos Estados Unidos, nas universidades de Harvard, Stanford, Dallas, Pittsburgh e San Diego. Foille outorgado o premio Oskar Pfister da Sociedade Americana de Psiquiatría, así como outras distincións de diferentes países, entre os que destacan os seus 29 doutoramentos Honoris Causa.
Ensinou na universidade ata os 85 anos e foi un experto escalador de montañas e piloto de avionetas. Publicou máis de 30 libros, traducidos a diversos idiomas, e impartiu numerosas conferencias ata meses antes do seu pasamento, o 2 de setembro de 1997, na súa cidade natal.