Sindicato Andaluz de Trabajadores | |
---|---|
Sindicato nacionalista andaluz | |
Líder | Diego Cañamero |
Fundación | 23 de setembro de 2007 |
Sede | Avda. Blas Infante 4, 8º (Sevilla) Andalucía |
Ideoloxía | Esquerda, socialismo, nacionalismo andaluz, anticapitalismo, asamblearismo, internacionalismo |
Afiliados | 40.000 (sen referencia) |
sindicatoandaluz.org |
O Sindicato Andaluz de Trabajadores (en galego, Sindicato Andaluz de Traballadores), SAT, é un sindicato de Andalucía constituído en Sevilla o 23 de setembro de 2007 tras a unión de varios sindicatos andaluces, entre eles o Sindicato de Obreros del Campo e Autonomía Obrera.
Segundo os seus propios Estatutos, o SAT defínese como un sindicato de clase, anticapitalista, asembleario, independente, antipatriarcal, nacionalista andaluz, de esquerdas, repúblicano e utópico[1]. Entre as súas fins están a de construír un modelo de sociedade alternativo ao capitalismo, a loita polos dereitos nacionais do pobo andaluz, a defensa da súa absoluta autonomía e independencia, a unidade sindical e a defensa de traballadores e traballadoras, así como das persoas migrantes. Para a súa consecución teñen realizado reivindicacións e actos de notable percorrido nos medios.
Tras unhas polémicas declaracións no programa Salvados de Cayetano Martínez de Irujo nas cales declarou Cando ves que a xente nova non ten a menor intención de progresar, iso é grave. Iso só pasa en Andalucía. Sinceramente. Iso no norte de España non pasa, no centro tampouco. Nin tan sequera en Estremadura, ademais de insinuar que en Andalucía a xente non quería traballar[2] o SAT organizou unha manifestación, á que asistiron uns 500 afiliados, nas terras do conde, esixíndolle unhas desculpas públicas e unha reunión cos sindicalistas co obxectivo de amosarlle a realidade, segundo o sindicato, dos xornaleiros andaluces.
Cayetano Martínez de Irujo aceptou a petición do sindicato, reuníndose o 20 de decembro de 2012 con Juan Manuel Sánchez Gordillo e Diego Cañamero, quen acoden acompañados dun grupo de afiliados. Tras a reunión dos sindicalistas con Cayetano, o Conde de Salvatierra rectificou, alegando que coñeceu unha realidade que descoñecía, así como matizou que as súas declaracións estaban referidas a un grupo reducido de andaluces. Ademais, amosou un interese común polas propostas do Sindicato Andaluz de Trabajadores e accedeu a visitar a cooperativa de Marinaleda, dirixida por Sánchez Gordillo, así como iniciar un proceso para facilitar o acceso ás súas terras aos xornaleiros andaluces.[3] Tras coñecer as instalacións de Marinaleda, o conde recoñeceu o interese que ten polo sistema cooperativista e anunciou a posibilidade de crear un sistema de policultivo nas súas terras co apoio do SAT, comprometéndose a defender e promocionar os produtos de Huma, a cooperativa de Marinaleda.
O domingo 4 de marzo de 2012 ás 11 da mañá uns 500 membros do SAT ocuparon a Terra Somonte, no concello de Palma del Río e Esta propiedade da Xunta de Andalucía, que saía o día seguinte a poxa.
A partir desta ocupación, unhas 30 persoas de Posadas, Palma del Río e outros pobos quedaron nela co obxectivo de permaneceren, comezar a traballala e así pór en práctica a idea de que a terra ten que ser autoxestionada polos propios traballadores e traballadoras para crear o máximo emprego e favorecer o desenvolvemento da economía local e comarcal.
Na madrugada do venres 26 de marzo, forzas da Garda Civil desaloxaron a terra. Os xornaleiros andaluces volveron a ocupar Somonte a madrugada seguinte, atopándose unhas 100 persoas no seu interior.
Os xornaleiros, reunidos en asemblea tras o desaloxo, decidiron continuar coa loita e volver a ocupala, contando para iso co apoio solidario de varias decenas máis de compañeiros chegados dende diversos puntos de Andalucía, e en especial dos pobos próximos.
Logo da ocupación as melloras foron considerables, con moitos xornaleiros traballando na agricultura e na gandaría. Os produtos obtidos pódense mercar nos mercados dos pobos próximos. O proxecto suscitou interese tanto dentro coma fóra do estado, recibindo case a diario a xornalistas de todo o mundo e persoas anónimas que o queren coñecer e colaborar nel.
Arredor de 1.000 sindicalistas ocuparon a mañá do 24 de xullo de 2012 a Terra Las Turquillas, onde se sitúa a Yeguada Militar del Ejército. O predio, dependente do Ministerio de Defensa, ten 1.200 hectáreas, a inmensa maioría en baldío, dado que o Exército só utiliza 20 hectáreas.
Tras percorreren o quilómetro que separa a estrada das terras, entraron na Zona Militar -advertida por grandes carteis- e acadaron o recinto militar, onde unha comisión do SAT se entrevistou cos mandos militares. Dentro do recinto militar agardaba unha compañía de antidisturbios da Garda Civil e tropas militares, polo que en asemblea se decidiu non forzar a entrada ao recinto, iniciando os traballos de infraestrutura e loxística para permaneceren na mesma.
O portavoz nacional do SAT, Diego Cañamero, sinalou que o obxectivo da ocupación era que a terra pase a mans dos traballadores e que a leira, adicada á cría de cabalos, pasase a ser utilizada por cooperativas de traballadores. "Non queremos a propiedade da terra, queremos o seu uso", enfatizou Diego Cañamero, "que a terra sirva para dar traballo e crear riqueza, e non para recibir subvencións de Europa".
O dirixente sindical destacou que a comarca sevillana onde se sitúa a leira sofre "un 40% de paro" e, perante esa situación, "non pode ser que terras públicas ou privadas poidan estar alleas á realidade dun pobo que xa non sabe que facer co paro". "Queremos demostrar que, en mans de cooperativas, as terras terá outro uso, pensando na creación de traballo e en sacar produtividade á terra e non só en subvencións da UE", explicou Diego Cañamero.
Perante a vixilancia das forzas de seguridade que acompañou a ocupación, que se desenvolveu sen incidentes, o dirixente sindical declarou que "viñemos a quedarnos, non é unha ocupación simbólica". "Somos conscientes, cremos no que facemos e facémolo pacificamente", declarou Cañamero, que asegurou que "se nos expulsan, volveremos e o faremos ata que o goberno ceda esas terras ós traballadores".
O 10 de agosto produciuse o desaloxo por membros da Garda Civil; sen incidentes, os sindicalistas saíron pacificamente.
O 7 de agosto de 2012 un grupo de afiliados ao SAT encabezados polo deputado de Izquierda Unida (IU) na Xunta de Andalucía e alcalde de Marinaleda, Juan Manuel Sánchez Gordillo, entraron nun supermercado da cadea valenciana Mercadona, na localidade sevillana de Écija, e tras encher varios carros de compra con produtos básicos anunciaron s súa intención de non pagar o importe, alegando que realizaban unha "expropiación forzosa" de alimentos de primeira necesidade para doalos a unha ONG que se encargaría de repartilos entre os barrios máis humildes da localidade.[4] Tras a negativa dos empregados, produciuse un momento tenso entre os sindicalistas e os traballadores do comercio. A empresa Mercadona denunciou os feitos alegando que "se levaron a comida e agrediron a dúas traballadoras".[5]
De xeito paralelo, en Arcos de la Frontera (Cádiz), Diego Cañamero, acompañado doutros sindicalistas e simpatizantes, entraron noutro supermercado, neste caso da compañía francesa Carrefour, aínda que sen poder levarse os produtos debido á presenza de efectivos da Garda Civil. Tras negociar cos directivos do supermercado, a cadea permitiulles levar os produtos para fins sociais,[6] e comprometeuse co sindicato a colaborar mediante máis doazóns de alimentos.
O 8 de agosto de 2012, o Ministro de Interior ordenou deter aos sindicalistas que realizaron os actos, entre eles Sánchez Gordillo, aínda que, ao ser deputado, non foi posible detelo. O dirixente do sindicato, Diego Cañamero foi liberado horas despois, así como a maioría dos detidos, que foron recibidos polos afiliados na comisaría de Blas Infante. Tras a posta en liberdade dos detidos, Sánchez Gordillo lanzou un comunicado no que explica que o obxetcivo da "expropiación forzosa" foi, ademais da repartición dos alimentos, dar un toque de atención ao goberno sobre a situación do sector máis afectado da sociedade española en xeral e andaluza en particular. Gordillo lamentou ademais que "volvese o franquismo e o terrorismo estatal a España coa chegada do PP” e asegurou non entender “por qué non se detén a Botín e a outros banqueiros que rouban miles de millóns, ou moitos xerifaltes dos partidos que roubaron a mans cheas”.[7]
Os feitos foron apoiados por sectores andalucistas e por parte de IU, sendo o máis visible Gaspar Llamazares, mentres que foi duramente criticado tanto polo Partido Popular como polo PSOE, así como polos principais sindicatos.[8]
O SAT retomou o xoves 16 de agosto de 2012 en Xaén as súas mobilizacións despois de estar en todas as portadas de xornais e canles de televisión estatais e mundiais pola expropiación de alimentos, formulando unha serie de marchas obreiras que partiron de distintos pobos de todas as provincias de Andalucía cara a cadansúa capital.