Pete Shelley
Nome completoPeter Campbell McNeish
Data nacemento17 de abril de 1955
Nado enLeigh, Lancashire Inglaterra
Falecemento6 de decembro de 2018 (63 anos)
 Talín
Causainfarto agudo de miocardio
Ocupaciónmúsico, guitarrista, compositor de cancións, arranxador, cantante e produtor musical
Instrumento(s)voz, guitarra
Relacionado conBuzzcocks, Jets of Air, The Tiller Boys, Howard Devoto, Steve Diggle, ShelleyDevoto, The Adored
Tempo en activo1976 - 2018
PseudónimoPete Shelley
Na rede
https://www.buzzcocks.com/
IMDB: nm1002880 Spotify: 7r2lG8Ui6vGHAgsKlE8Hd8 iTunes: 40704860 Musicbrainz: 6a64eec6-39a7-4ba4-9939-cdee01fb4c5b Songkick: 105191 Discogs: 28754 WikiTree: McNeish-41 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Pete Shelley, nado como Peter Campbell McNeish o 17 de abril de 1955 e finado o 6 de decembro de 2018, foi un cantante, compositor e guitarrista inglés. Shelley formou a banda de punk rock Buzzcocks con Howard Devoto en 1976 e converteuse no vocalista e guitarrista principal do grupo en 1977 cando Devoto marchou. Buzzcocks publicou o seu maior éxito, "Ever Fallen in Love (With Someone You Shouldn't've)", en 1978. A banda separouse en 1981 e reformouse a finais dos 80. Shelley tamén tivo unha carreira en solitario chegando o seu tema "Homosapien" a entrar nas listas estadounidenses no ano 1981.

Biografía

Shelley naceu no número 48 da rúa Milton Street, en Leigh, Lancashire. A súa nai era unha extraballadora dun muíño e o seu pai montaba maquinaria na mina de carbón Astley Green Colliery. Tiña un irmán máis novo chamado Gary.[1] O seu nome artístico inspirouse en Percy Bysshe Shelley, o seu poeta romántico favorito.[2]

Buzzcocks

Shelley formou Buzzcocks con Howard Devoto[3] despois de coñecerse no Bolton Institute of Technology (agora University of Bolton) en 1975[4] e de viaxar despois a High Wycombe, preto de Londres, para ver aos Sex Pistols.[5] A banda incluía ao baixista Steve Diggle e ao batería John Maher e realizou o seu primeiro concerto en 1976 en Manchester, abrindo para os Sex Pistols.[6]

En 1977 Buzzcocks publicou o seu primeiro EP, Spiral Scratch, a través do seu pripio selo independente, New Hormones.[7] Cando Devoto deixou a banda en febreiro de 1977, Shelley fíxose cargo das voces principais e das composicións.[8] Traballando co produtor Martin Rushent, o grupo creou os sinxelos punk/new wave "Orgasm Addict", "What Do I Get?" e "Ever Fallen in Love (With Someone You Shouldn't've)",[7][9] xunto con tres álbums: Another Music in a Different Kitchen (1978), Love Bites (1978) e A Different Kind of Tension (1979).[10] Dificultades coa súa discográfica e unha disputa con Virgin Publishing sobre a edición británica do seu disco de grandes éxitos, Singles Going Steady, fixeron que a banda se separase en 1981.[11]

Shelley desenvolveu unha imaxe persoal distinta á de moitos dos seus contemporáneos rebeldes do punk dos 70, dicíndolle a Melody Maker en 1978, "Non vou ser desagradable. Só somos catro bos rapaces, o tipo de xente que poderías levar á casa dos teus pais".[2]

Carreira en solitario

O álbum de estrea en solitario de Shelley, Sky Yen, gravárase en 1974 pero non sería editado ata marzo de 1980 a través do seu propio selo, Groovy Records. Foi gravado como unha peza musical continua empregando un oscilador construído a propósito, e usando electrónica en capas e manipulación de velocidade para acadar o seu tacto experimental.[12][13] Con raíces na música electrónica, foi comparado co krautrock.[14] Groovy Records tamén editou a banda sonora de Hangahar de Sally Timms e Lindsay Lee, que incluía a Shelley como músico, e un álbum dos artistas Eric Random, Barry Adamson e Francis Cookson co nome Free Agents. Groovy Records non publicaría máis discos.

En 1981 Shelley editou o seu primeiro sinxelo só, "Homosapien", producido por Rushent. Nesta gravación regresou aos seus intereses orixinais na música electrónica e cambiou a énfase da guitarra ao sintetizador; a elaborada programación da caixa de ritmos e dos sintetizadores por parte de Rushent sentou as bases para a súa seguinte produción, o álbum de Human League Dare.[15] "Homosapien" foi prohibida na BBC por "referencia explícita ao sexo gay".[16] "Homosapien" chegou ao número 14 da lista dance dos Estados Unidos. Shelley falou abertamente sobre a súa bisexualidade na época,[17] algo que estivera implícito en moitas das cancións que escribira, pero que agora chamou máis a atención debido a "Homosapien" e a prohibición da BBC. O sinxelo foi seguido por un disco co mesmo título.[18][19]

Shelley publicou o seu terceiro álbum, XL1, en 1983 a través de Genetic Records. Ademais do éxito menor "Telephone Operator", o disco incluía un programa de ordenador para o ZX Spectrum con letras e gráficos que se amosaban a tempo coa música. XL1 foi producido por Rushent e Shelley.[20]

En xuño de 1986 Shelley editou o sinxelo "Never Again", seguido polo álbum Heaven and the Sea. En 1987 publicou unha nova canción, "Do Anything", para a película Some Kind of Wonderful. Shelley compuxo o tema da intro do Tour de France para o Channel 4, que foi usado dende finais dos 80 ata mediados dos 90.[21]

Shelley regravou unha nova versión de "Homosapien", chamada "Homosapien II", en 1989. O sinxelo contaba con catro remesturas da nova gravación.[22] Tamén tocou con outros músicos durante a súa carreira, como The Invisible Girls que respaldaban ao poeta punk John Cooper Clarke.[23] Shelley tamén frmou unha banda de curta vida chamada The Tiller Boys.[24] Reuniuse brevemente con Howard Devoto para facer o álbum Buzzkunst, editado en 2002.[3] Shelley apareceu no EP de estrea da banda dos Ánxeles The Adored, editado en 2005,[25] que xirou con Buzzcocks no ano seguinte.[26]

Reforma de Buzzcocks

Buzzcocks reuniuse en 1989 e publicou un novo álbum, Trade Test Transmissions, en 1993.[27] A banda continuou xirando e editou o álbum The Way en 2014.[28] En 2005 Shelley regravou "Ever Fallen in Love" cun grupo de estrelas, incluídos Roger Daltrey, David Gilmour, Peter Hook, Elton John, Robert Plant e varias bandas contemporáneas, como un tributo a John Peel.[29]

Notas

  1. "University honours Buzzcock Pete". Leigh Journal (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  2. 2,0 2,1 "Buzzcocks: Singles Going Steady". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  3. 3,0 3,1 "Part time punks". the Guardian (en inglés). 2002-03-01. Consultado o 2020-07-08. 
  4. McGartland 2017, 309-316
  5. McGartland 2017, 353
  6. McGartland 2017, 365
  7. 7,0 7,1 Taylor 2006, p. 50
  8. McGartland 2017, 691
  9. McGartland 2017, 89
  10. Brackett & Hoard 2004, p. 124
  11. McGartland 2017, 1848-1866
  12. McGartland 2017, 150, 305
  13. Wilkinson, Damon; Fitzgerald, Todd; Day, Rebecca (2018-12-06). "Buzzcocks lead singer Pete Shelley dies of suspected heart attack aged 63". men. Consultado o 2020-07-08. 
  14. "Sky Yen - Pete Shelley | Songs, Reviews, Credits | AllMusic" (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  15. "Martin Rushent: Producer". www.soundonsound.com. Consultado o 2020-07-08. 
  16. "Readers recommend: songs about homosexuality". the Guardian (en inglés). 2007-06-29. Consultado o 2020-07-08. 
  17. "Pete Shelley, lead singer of Buzzcocks, has died aged 63". The Independent (en inglés). 2018-12-06. Consultado o 2020-07-08. 
  18. "Queerly Independent: - Gay Lesbian Bi Trans News Archive". Windy City Times. Consultado o 2020-07-08. 
  19. Blistein, Jon; Blistein, Jon (2018-12-06). "Buzzcocks Singer Pete Shelley Dead at 63". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  20. McGartland 2017, 1911, 3516
  21. "The Joy of Six: sporting theme tunes | Scott Murray". the Guardian (en inglés). 2011-10-28. Consultado o 2020-07-08. 
  22. "Pete Shelley - Homosapien Il". Discogs (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  23. Radio, N. T. S. "The Invisible Girls | Discover music on NTS". NTS Radio (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  24. "Factory Records: THE TILLER BOYS". www.factoryrecords.org. Consultado o 2020-07-08. 
  25. Punknews.org. "The Adored - A New Language". www.punknews.org (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  26. "BBC - Berkshire - Entertainment - Buzzcocks review". www.bbc.co.uk. Consultado o 2020-07-08. 
  27. "Buzzcocks: Trade Test Tramsmissions". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  28. "Buzzcocks: The Way". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2020-07-08. 
  29. Lynskey, Dorian (2005-11-22). "Group effort". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2020-07-08. 

Véxase tamén

Bibliografía