Coordenadas: 42°22′39″N 7°58′48″O / 42.3776360635, -7.97992318869

Petróglifos do Chan da Ferradura.

O Chan da Ferradura é un conxunto de gravados rupestres, situados na parroquia de San Pedro de Trasalba, pertencente ao concello de Amoeiro e parte no concello de Punxín, a poucos quilómetros da capital provincial Ourense.

As rochas foron descubertas ao longo dos traballos de seguimento arqueolóxico da construción do gasoduto Pontevedra - Ourense, realizados na segunda metade da década de 1990 polo Laboratorio de Arqueoloxía e Formas Culturais do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da Universidade de Santiago de Compostela. Durante estes traballos localizáronse unhas 30 rochas con gravados distribuídas en vinte grupos nunha área de 500 m².

Situación

O Chan da Ferradura é unha pequena meseta situada no extremo sudocidental do Chao de Amoeiro, sendo o punto xeográfico dominante entre a confluencia dos ríos Barbantiño e o Miño.

Descrición

Trátase dunha interesante estación de gravados rupestres de cronoloxía indeterminada, xa que pola súa tipoloxía, basicamente coviñas, e polo tipo de soporte (xisto) distinto ao predominante nos gravados do suroeste de Galicia. Ademais trátase de grandes penedos exentos e algúns abrigos con gravados no seu interior. O conxunto está composto por un total de 18 grupos inscultóricos dispostos en torno ao Chan da Ferradura. A disposición dos petróglifos é periférica dentro da formación topográfica conferíndolle unha clara unidade á estación rupestre.

Ao conxunto de gravados engádense dous castros situados nas inmediacións da estación: o Castro da Zarra e o Castro Coto do Castro. No da Zarra localizáronse tres petróglifos tipoloxicamente diferentes aos da estación de A Ferradura, xa que os motivos que presentan os gravados son deseños propios da Idade de Bronce, tres rochas con círculos concéntricos como motivo principal.

A estruturación espacial dos gravados defínese logo pola disposición de grandes penedos con coviñas delimitando un chan en altura, un acceso á estación e un complexo central que no caso da Ferradura é unha rocha cun mínimo de once figuras de pés, coviñas e ferraduras, sen ter en conta a cronoloxía coincidente ou non dos gravados.

Os motivos representados son moi diversos sendo as maioritarias as coviñas hemiesféricas, hemicilíndricas, os reticulados, os círculos concéntricos, as ferraduras e as cruces. Entre estes gravados destacan:

A aliñación arqueoastronómica no solsticio de inverno: "O abeiro do Raposo"

O gravado está orientado cara a unha abertura triangular natural do abeiro que mira cara ao sueste, e xa o seu descubridor ponderou a posibilidade de que estivese orientada cara ao solpor no solsticio de inverno. A rocha onde está gravado separouse dunha rocha maior e foi deslizada lixeiramente para situala na boca do abeiro.

Despois de varios intentos errados, o 21 de decembro de 2001, García Quintela e Santos Estévez puideron comprobar empiricamente a intuición inicial, unha relación entre o petróglifo, a apertura do abeiro e o ocaso do Sol o día do solsticio de inverno. Nos últimos momentos do día do solsticio de inverno fixeron as seguintes observacións:

  1. O petróglifo ilumínase parcialmente polo Sol, e este, visto dende o abeiro, ponse lixeiramente ao norte do Monte de San Trocado[3].
  2. Cando o Sol deixa de iluminar o petróglifo dende o abeiro o Sol vese xusto enriba do cumio de San Trocado.
  3. Constataron que a medida que baixaba o Sol a sombra producida polo abeiro rochoso íase definindo no sentido oposto apuntando cara ao Castro Coto do Castro, e que ademais o perfil desa sombra coincide de xeito bastante preciso coa propia orografía do castro.

Empiricamente comprobaron a existencia dunha aliñación arqueoastronómica entre o Sol minutos antes do ocaso do día do solsticio de inverno, o cumio do San Trocado, o abeiro do Raposo e o seu petróglifo, e a cima do Coto do Castro.

Da observación deste feito natural pouca información se pode obter sobre o posible significado para a comunidade da Idade de Ferro, xa que nin sequera se pode establecer unha datación para o petróglifo que non ten que ser coetánea á ocupación de San Trocado e Coto do Castro.

Os investigadores Marco V. García Quintela e Manuel Santos Estévez propoñen a seguinte hipótese sobre o motivo representado no petróglifo:

Estas propostas non levan recibido unha boa acollida entre a comunidade científica criticándoas de pouco plausibles e baseadas en razoamentos incompletos e en moitos casos carentes do necesario rigor científico[4].

Galería de imaxes

Notas

  1. Semellante aos gravados de santuarios rupestres da Meseta de clara influencia celta.
  2. Porén si se coñecen representacións topográficas no norte de Italia, como o Mapa de Bedolina, principal referente.
  3. Onde se localizaba un castro do período inicial castrexo, e na actualidade unha capela na que se celebra unha afamada romaría.
  4. Pode verse neste artigo Arquivado 08 de febreiro de 2008 en Wayback Machine. (en castelán) de José Carlos Bermejo Barrera no que fai unha crítica aos puntos de partida e metodoloxía do Laboratorio de Arqueoloxía da Paisaxe.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas