Neutral Milk Hotel
OrixeAthens, Xeorxia, Estados Unidos de América Estados Unidos
Período1989 - 1998
2013 - 2015
Xénero(s)indie rock, lo-fi, folk psicodélico
Selo(s) discográfico(s)Merge Records, Cher Doll, Domino, Fire
MembrosJeff Mangum
Scott Spillane
Jeremy Barnes
Julian Koster
Na rede
neutralmilkhotel.net
Facebook: 9075158370 Bandcamp: neutralmilkhotel Spotify: 2ooIqOf4X2uz4mMptXCtie iTunes: 5611466 Last fm: Neutral+Milk+Hotel Musicbrainz: a506f761-2c22-4b2f-8a94-bd748c2c8f75 Songkick: 545636 Discogs: 252434 Allmusic: mn0000863102 Deezer: 2189 Editar o valor em Wikidata

Neutral Milk Hotel foi unha banda estadounidense de indie rock formada polo vocalista, guitarrista e compositor Jeff Mangum en 1989 en Ruston, Louisiana. A música da banda tiña a propósito un son de baixa calidade, influenciado polo indie rock e o folk psicodélico. Mangum escribiu letras surrealistas e opacas que abarcaban unha ampla gama de temas, incluíndo o amor, a espiritualidade, a nostalxia, o sexo e a soidade. El e os outros membros da banda tocaban unha variedade de instrumentos que incluían instrumentos non tradicionais no rock como a serra musical e a gaita irlandesa.

Neutral Milk Hotel naceu como un dos proxectos de gravación caseira de Magnum. Tras graduarse no instituto, Magnum viviu como vagamundo e de cando en vez publicaba música. En 1996 traballou co seu amigo da infancia Robert Schneider para gravar o álbum On Avery Island, que tivo modestas críticas e vendeu unhas 5 000 copias. Magnum recrutou aos músicos Julian Koster, Jeremy Barnes e Scott Spillane para o segundo álbum da banda, In the Aeroplane Over the Sea. O seu lanzamento de 1998 recibiu críticas na súa maioría positivas, pero non eloxiosas.

Cando saíu de xira a popularidade do grupo medrou a través da súa exposición en Internet. Isto afectou negativamente a Magnum, cuxa saúde mental comezou a deteriorarse. Este non quixo continuar xirando e Neutral Milk Hotel entrou un hiato pouco despois. Durante a pausa, a banda gañou seguidores de culto e a valoración de In the Aeroplane Over the Sea aumentou enormemente. Varios medios musicais, como Pitchfork e Blender, dixeron que In the Aeroplane Over the Sea era un álbum de referencia para o indie rock e un dos mellores discos da década de 1990. Moitos grupos de indie rock como Arcade Fire e The Decemberists foron influenciados pola música ecléctica e as letras serias de Neutral Milk Hotel. O grupo reuniuse en 2013 e realizou unha xira antes doutro parón en 2015.

Historia

[editar | editar a fonte]

Primeiros anos

[editar | editar a fonte]

Neutral Milk Hote orixinouse en Ruston, Louisiana, a finais dos anos 80 como un proxecto de gravación en casa do músico Jeff Mangum.[1] Chamado inicialmente Milk, Magnum fixo as gravacións mentres aínda estaba no instituto.[1] As primeiras gravacións de MIlk, como Invent Yourself a Shortcake e Beauty, foron compartidas entre Magnum e os seus amigos Robert Schneider, Bill Doss e Will Cullen Hart.[2] Os catro amigos marcaron estas cintas de casete caseiras cun selo discográfico imaxinario, Elephant 6, que finalmente se converteu nun colectivo musical.[3][4] Cando Mangum soubo doutra banda chamada Milk, cambiou o nome do proxecto a Neutral Milk Hotel, baseándose nun nome que suxeriu Hart.[5]

Tras graduarse do instituto, Magnum asistiu á Louisiana Tech University, pero acabou abandonando os estudos.[1] Trasladouse a Athens, Xeorxia, e tocou nunha banda chamada Synthetic Flying Machine con Doss e Hart, pero deixouna pouco tempo despois da súa formación.[6] Despois volveuse vagamundo e viviu en cidades como Denver, Os Ánxeles e Seattle.[7] Durante ese período gravou música ocasionalmente, incluído un álbum demo en 1993 chamado Hype City Soundtrack.[7] Schneider di que Hype City Soundtrack foi unha reacción a o que Magnum cría que era a comercialización desenfreada da música nas grandes cidades. Mentres vivía en Seattle Magnum superou a súa aprensión pola industria musical e lanzou a canción "Everything Is" a través do selo Cher Doll Records.[8] A exposición do tema convenceu a Magnum para gravar máis música baixo o nome de Neutral Milk Hotel.[9] Segundo Magnum; " O sinxelo foi unha bendición porque estaba practicamente ao final da miña paciencia con case todo na miña vida nese momento... Acabei enviando unha cinta a [Nancy Ostrander] en Cher Doll Records e salvoume só dicindo que quería facer un sinxelo".[9]

Nese momento, Mangum tamén era baixista de The Apples in Stereo, unha banda que Schneider formou mentres vivía en Denver.[8] Os membros do grupo querían fichar por SpinART Records e reuníronse co seu representante legal, Brian McPherson, nos Ánxeles.[10][11] McPherson sentíuse atraído por Mangum, que levaba unha camiseta de Shrimper Records. Despois de saber que Mangum escribira "Everything Is", unha canción que McPherson escoitara e gozara previamente, os dous chegaron a un acordo para que McPherson se convertese no representante de Neutral Milk Hotel.[11] McPherson enviou copias de "Everything Is" e outra canción, "Ruby Bulbs", aos fundadores de Merge Records, Laura Ballance e Mac McCaughan. Aos dous gustoulles a música e engadiron a Neutral Milk Hotel ao seu cadro de artistas.[11]

On Avery Island e expansión a cuarteto

[editar | editar a fonte]
Jeff Mangum actuando con Neutral Milk Hotel en 1997

Magnum trasladouse a Denver para gravar o primeiro álbum de Neutral Milk Hotel, On Avery Island.[10] Schneider actuou como produtor e as sesións de gravación duraron de febreiro a maio de 1995. Aínda que Schneider estaba interesado nunha ampla produción ao estilo dos Beatles, aliñouse coa preferencia de Mangum por un son lo-fi, admitindo que "ao principio era frustrante, pero cheguei a gozar del. Así aprendín a producir, facendo ese disco, porque tiven que deixar ir totalmente o que pensaba que debía ser".[12] On Avery Island foi publicado nos Estados Unidos o 26 de marzo de 1996 a través de Merge Records, e no Reino Unido o 30 de setembro a través de Fire Records. Vendeu unhas 5 000 copias, sendo considerado un éxito por Merge.[13] O disco tivo recensións xeralmente positivas dos críticos, que definiron a música como pop lo-fi. Kurt Wolff do Houston Chronicle describiu escoitar a música como "unha experiencia alucinante", e finalmente calificou o álbum como "un traballo fresco, emocionante e destacado". A publicación británica NME escribiu: "Neutral Milk Hotel pode converter unha introspección miserable como o pecado en mantras folclóricos que perforan o teu cranio como un trade eléctrico ben apuntado".[14] On Avery Island foi acabou no número 35 na enquisa Pazz & Jop de The Village Voice de 1996.[13]

Despois do lanzamento de On Avery Island, Magnum buscou a outros músicos para xirar.[15] Mentres vivía en Ruston fixérase amigo do músico de NovaYork Julian Koster. Intercambiaron cintas demo e Koster uníuse a Neutral Milk Hotel como baixista.[16] Nesa época Koster recibiu unha carta do batería de Chicago Jeremy Barnes, quen escribiu que non cumprira as expectativas que se propuxera.[17] Segundo Koster, "Jeremy escribiume esta carta realmente marabillosa, basicamente dicindo que estaba sendo levado a unha vida moi diferente da que creo que que debería vivir Jeremy Barnes... Creo que estaba a sentir que o seu destino estaba noutro lugar".[17] A carta resonou en Koster e Mangum, e viaxaron a Chicago para coñecelo. Tras unha curta audición os dous persuadiron a Barnes para que deixase a DePaul University e se unise a eles.[17] O último membro da banda chegou cando Mangum viaxaba a Nova York para vivir con Koster. Nunha parada en Austin, Texas, Mangum coñeceu ao ex músico de Ruston Scott Spillane, que traballaba nunha pizzería. Magnum axudou a facer pizzas durante a "borracheira" nocturna, e despois convenceu a Spillane a que se unise á banda.[18]

Os membros da banda trasladáronse a Nova York e alí viviron e ensaiaron nunha casa da avoa de Koster.[15] Koster animou aos seus compañeiros a que tocasen instrumentos fóra da súa zona de comfort.[19] Por exemplo, o batería Barnes aprendeu a tocar o acordeón, e Spillane aprendeu a tocar as partes de trompa de On Avery Island, practicando nunha trompa de dúas válvulas varias horas cada día.[20] O 28 de abril de 1997 Neutral Milk Hotel comezou unha xira nacional durante a cal os seus membros aprenderon a tocar como unha unidade.[21] A xira de On Avery Island xerou os cartos suficientes como para que os músicos se puidesen mudar a Athens, onde vivía un gran grupo de músicos de Elephant 6.[22] Na primavera de 1997, Mangum escribira e fixera demos de case todas as cancións para un segundo álbum. Compartiu as demos cos seus compañeiros de banda antes de que se mudaran a Denver para gravar o disco.[23]

In the Aeroplane Over the Sea

[editar | editar a fonte]

O segundo álbum de Neutral Milk Hotel, In the Aeroplane Over the Sea, foi producido por Schneider e gravouse de xullo a setembro de 1997. Schneider usou novas técnicas de gravación para caoturar as preferencias lo-fi de Magnum.[24] A Mangum gustáballe ter unha capa de distorsión sobre a música, pero Schneider non utilizou equipos de efectos estándar como Big Muffs ou pedais de distorsión.[25] No seu lugar, Schneider usou moita compresión e colocou un preamplificador de micro de válvulas Bellari RP-220 preto da guitarra de Magnum. A continuación, Schneider pasou o son a través dunha mesa de mesturas, e ampliouno nunha cinta de casete.[26] Este proceso realizouse para case todos os instrumentos utilizados en In the Aeroplane Over the Sea. Schneider afirmou que as non linealidades da distorsión do micrófono deron ao álbum a súa calidade "cálida" única.[27]

In the Aeroplane Over the Sea foi publicado o 10 de febreiro de 1998.[28] Merge publicou 5 500 copias en CD e 1 600 en vinilo, e esperaba que as vendas fosen semellantes ás de On Avery Island.[29][30] Estas proxeccións iniciais foron correctas, xa que o álbum vendeuse moderadamente ben durante os primeiros meses.[29] As respostas dos críticos foron maioritariamente positivas, pero non laudatorias.[31] Rob Brunner de Entertainment Weekly eloxiou a instrumentación única e as "melodías pop alegres", pero describiu algunhas das cancións como "picafollas acústicos sen vida".[32] M. Christian McDermott de Pitchfork tamén eloxiou a música, á que chamou unha mestura de "Sgt. Pepper con lo-fi de principios dos 90" que lle pareceu "tan pegadiza como aterradora".[33] Unha crítica máis negativa veu de Ben Ratliff de Rolling Stone, quen sentiu que a pesada capa de distorsión enmascaraba a ausencia de melodías decentes.[34] CMJ New Music Monthly clasificou In the Aeroplane Over the Sea como o álbum número un de 1998,[35] e ocupou o décimo quinto lugar na enquisa Pazz & Jop dese mesmo ano.[36]

Para promocionar o álbum a banda embarcouse nunha xira por América do Norte e Europa.[37] Os músicos John Fernandes e Will Westbrook incorporáronse como membros de xira e aprenderon a tocar as partes de trompa con Spillane. Durante a xira, Neutral Milk Hotel gañou a reputación de realizar concertos caóticos e esixentes fisicamente. O membro de Great Lakes Ben Crum recordou: "Definitivamente era perigoso. Moitas veces parecía haber unha posibilidade moi real de que alguén, probablemente Julian, saíse ferido. Jeff sempre estaba facendo cousas como collelo e lanzalo contra a batería".[38] Os membros da banda moitas veces non podían pagar aloxamento, e ás veces preguntaban á xente do público se podían pasar a noite na súa casa, sen entender que o propietario lles tiña realmente medo.[39]

Hiato e seguimento de culto

[editar | editar a fonte]

Algúns xornalistas sinalaron que o lanzamento de In the Aeroplane Over the Sea coincidiu co auxe da Internet.[40][31] O álbum, e por extensión Neutral Milk Hotel, converteuse nun elemento habitual nos taboleiros de mensaxes en liña, e as primeiras páxinas web de música, como Pitchfork, déronlle á banda un maior nivel de promoción.[40] O seu novo perfil tivo un efecto negativo en Mangum e a súa saúde mental comezou a deteriorarse.[41] Constantemente dicía aos seus compañeiros de banda que quería renunciar, pero nunca lles explicou por que.[42] Algúns xornalistas especularon que se cansara de facer xira e explicar constantemente as súas letras aos fans; o biógrafo de Elephant 6, Adam Clair, cre que puido sentirse abrumado pola forma en que os fans vían a súa música e polas altas expectativas postas nas gravacións posteriores.[43] Independentemente do motivo, Mangum chegou á conclusión de que non podía seguir actuando e que quería desaparecer da vida pública.[41] En lugar de dicirlle aos outros membros da banda a súa decisión, simplemente evitou o tema da música nova por completo. Isto levou á ruptura non oficial de Neutral Milk Hotel pouco despois da xira.[44] A última actuación en directo da banda tivo lugar o 13 de outubro de 1998 en Londres.[45]

Durante a pausa, Magnum traballou ocasionalmente noutros proxectos, pero ningún deles foi amplamente publicitado.[46] Cando lle preguntaron sobre un terceiro álbum de Neutral Milk Hotel nunha entrevista de 2002, Mangum dixo: "Non o sei. Sería bo, pero ás veces dubido".[47] Aínda que Neutral Milk Hotel non se separou oficialmente, os outros membros da banda traballaron na música con outras bandas de Elephant 6 como Bablicon, The Gerbils, A Hawk and a Hacksaw e The Music Tapes.[48][45] Koster destacou como el e os outros membros da banda inicialmente pensaron que o hiato sería unha pequena pausa para centrarse nos seus outros proxectos musicais. Koster contou: "O feito de que Neutral Milk non estivese a facer algo só parecía natural, porque estaban a suceder moitas outras cousas, e nós acababamos de facer moito. Non me parecía nada fóra do normal. Non sospeitei nada".[42]

Aos fans de Neutral Milk Hotel non se lles dixo por que a banda fixo unha pausa. Algúns estaban enfadados e acusaron a Mangum de ser egoísta, e outros escribiron publicacións de blog engañosas que daban detalles falsos de próximas xiras e outras informacións que non eran certas.[41] As especulacións e as discusións en liña elevaron o perfil da banda, ata o punto de que Neutral Milk Hotel e, en particular, In the Aeroplane Over the Sea gañaron seguidores de culto e converteron a Mangum nunha figura lendaria.[31] En 2003, o escritor de Creative Loafing Kevin Griffis dedicou un artigo de portada completo a tentar de localizar a Mangum para pechar a súa relación persoal. A busca rematou cando Mangum lle enviou un correo electrónico que dicía: "Non son unha idea. Son unha persoa, que obviamente quere estar soa".[49] O xornalista Mark Richardson intentou explicar o aumento da popularidade de In the Aeroplane Over the Sea: "Debido a que [Mangum] era inaccesible, non había ningunha saída para a conexión que non fose o propio disco e outros fans que compartían unha paixón. Sen facer nada, Neutral Milk Hotel desenvolveu un culto".[50]

A valoración de In the Aeroplane Over the Sea aumentou enormemente nos anos posteriores ao seu lanzamento, o que o xornalista Luke Winkie atribúe aos seguidores de culto.[31] Domino Recording Company lanzou unha reedición en 2005, que recibiu unha puntuación perfecta de 10/10 por Mark Richardson de Pitchfork.[51] Richardson escribiu: "É un rexistro de imaxes, asociacións e fíos; ningunha palabra o describe tan ben como o fermoso e abusado caleidoscopio".[51] Outros medios musicais como AllMusic e a Encyclopedia of Popular Music tamén deron ao álbum puntuacións perfectas.[52][53] As cifras de vendas de In the Aeroplane Over the Sea aumentaron durante a década de 2000, estimándose unhas vendas de 140 000 copias ata 2005.[46] O escritor de Polygon Garrett Martin sinalou como os fans do álbum eran "incriblemente apaixonados", gravando versións para YouTube, escribindo poesía e formando bandas tributo. Martin dixo: "A base de fans pode ser relativamente pequena, pero é fervente".[54]

Reunión e segundo hiato

[editar | editar a fonte]
Magnum en 2014

Mangum reapareceu en 2008 con algúns concertos en solitario antes de emprender xiras completas en solitario en 2011 e 2012.[55] Durante este tempo, Mangum preparou unha caixa de material de Neutral Milk Hotel, que incluía un EP de cancións inéditas titulado Ferris Wheel on Fire.[56] Como Mangum estaba activo novamente na industria musical, os rumores comezaron a espallarse entre os fans e os medios musicais sobre unha posible reunión de Neutral Milk Hotel.[48][57]

O 29 de abril de 2013 Neutral Milk Hotel anunciou oficialmente unha xira de reunión cos catro membros da banda.[55] Nunha entrevista con Orlando Weekly, Schneider dixo: "[O hiato] certamente non foi intencionado, e non estou seguro de que [Mangum] se decatara de que estaba a ser un recluso ata que abrumadoramente todo o mundo falase diso. Hai sete anos que sei que ía comezar a xira. Non sabía se realmente ía comezar a facelo, pero sabía no meu corazón que estaba a traballar para iso".[58] O Neutral Milk Hotel realizou unha xira entre 2013 e 2015.[59] Nunha publicación de 2014 no sitio web da banda, os membros escribiron que a súa xira de 2015 sería a súa última xira no "futuro previsible" e que ían facer unha pausa prolongada. A publicación dicía: "Queridos amigos, querémosvos pero é hora de dicir adeus para sempre".[59]

En 2023, Neutral Milk Hotel lanzou outra caixa, titulada The Collected Works of Neutral Milk Hotel. A caixa inclúe todas as gravacións da banda, incluíndo Live at Jittery Joe's, un álbum en directo que Mangum lanzou de forma independente en 2001.[60] The Collected Works of Neutral Milk Hotel foi nomeado ao premio Grammy ao mellor paquete de edición limitada en caixa ou especial na 66ª edición dos premios Grammy.[61]

Discografía

[editar | editar a fonte]

Casetes demo

[editar | editar a fonte]

Álbums de estudio

[editar | editar a fonte]
Álbum Ano Selo
On Avery Island 1996 Merge Records
In the Aeroplane Over the Sea 1998 Merge Records

EPs e sinxelos

[editar | editar a fonte]

Notas

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 1,2 Clair 2022, capítulo 3
  2. Clair 2022, capítulo 3; Cooper 2005, p. 9
  3. "Interstellar Pop Underground: A History of the Elephant 6 Collective". Paste Magazine (en inglés). Consultado o 2024-07-26. 
  4. "Elephant 6 Recording Company: Crash Course". Spin. Consultado o 26 de xullo de 2024. 
  5. Clair 2022, capítulo 7; Cooper 2005, p. 9
  6. Clair 2022, capítulo 7
  7. 7,0 7,1 Ballance, Cook e McCaughan 2009, p. 95
  8. 8,0 8,1 Ballance, Cook e McCaughan 2009, p. 96
  9. 9,0 9,1 McMullen, Phil (setembro de 1996). "Neutral Milk Hotel". Ptolemaic Terrascope
  10. 10,0 10,1 Ballance, Cook & McCaughan 2009, p. 97
  11. 11,0 11,1 11,2 "Part Two: Music Attorney Brian McPherson". Eagle Rock, CA Patch (en inglés). 2011-06-21. Consultado o 2024-07-26. 
  12. Cooper 2005, p. 26
  13. 13,0 13,1 Cooper 2005, p. 37
  14. "NME.COM - NEUTRAL MILK HOTEL - On Avery Island - 14/9/1996". web.archive.org. 1999-05-02. Archived from the original on 02/05/1999. Consultado o 2024-07-26. 
  15. 15,0 15,1 Ballance, Cook e McCaughan 2009, p. 98
  16. Cooper 2005, p. 28
  17. 17,0 17,1 17,2 Cooper 2005, p. 29
  18. Cooper 2005, p. 31
  19. Cooper 2005, p. 33
  20. Cooper 2005, pp. 33-34
  21. Clair 2022, capítulo 11
  22. Ballance, Cook e McCaughan 2009, p. 99
  23. Cooper 2005, p. 52
  24. Cooper 2005, pp. 56-57
  25. Cooper 2005, pp. 57-58
  26. Cooper 2005, p. 58
  27. Cooper 2005, p. 57
  28. "Neutral Milk Hotel's 'In The Aeroplane Over The Sea' Turns 20". Stereogum (en inglés). 2018-02-09. Consultado o 2024-07-27. 
  29. 29,0 29,1 Ballance, Cook e McCaughan 2009, p. 100
  30. "Neutral Milk Hotel’s Label Greatly Underestimated ‘In the Aeroplane Over the Sea’". Spin. Consultado o 27 de xullo de 2024. 
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 "How did the Neutral Milk Hotel legend get so out of hand?". AV Club (en inglés). Consultado o 2024-07-27. 
  32. "In the Aeroplane Over the Sea". Entertainment Weekly. 2017-11-25. Archived from the original on 25 de novembro de 2017. Consultado o 2024-07-27. 
  33. "Neutral Milk Hotel: In The Aeroplane Over The Sea: Pitchfork Review". web.archive.org. 2001-01-08. Archived from the original on 08 de xaneiro de 2001. Consultado o 2024-07-27. 
  34. Ratliff, Ben (1998-02-13). "In The Aeroplane Over The Sea". Rolling Stone (en inglés). Consultado o 2024-07-27. 
  35. Anon. (January 1999). "CMJ's Top 30 Editorial Picks". CMJ New Music Monthly. Vol. 57, no. 601
  36. "Robert Christgau: Pazz & Jop 1998: Critics Poll". www.robertchristgau.com. Consultado o 2024-07-27. 
  37. Cooper 2005, p. 85-87
  38. Cooper 2005, p. 84
  39. Cooper 2005, pp. 84-85
  40. 40,0 40,1 Milton, Jamie (2016-10-26). "Cult heroes: Neutral Milk Hotel – alt-rock enigmas who shied away from the spotlight". The Guardian (en inglés). ISSN 0261-3077. Consultado o 2024-07-27. 
  41. 41,0 41,1 41,2 Clark, Taylor (2008-02-26). "The Salinger of Indie Rock". Slate (en inglés). ISSN 1091-2339. Consultado o 2024-07-28. 
  42. 42,0 42,1 Clair 2022, capítulo 17
  43. Clair 2022, capítulos 19 e 32
  44. Cooper 2005, p. 98
  45. 45,0 45,1 Clair 2022, capítulo 1
  46. 46,0 46,1 Cooper 2005, p. 100
  47. "Neutral Milk Hotel". Pitchfork (en inglés). 2002-02-01. Consultado o 2024-07-29. 
  48. 48,0 48,1 "There Is Nothing to Grieve: An Argument Against a Neutral Milk Hotel Reunion". www.popmatters.com (en inglés). 2011-05-08. Consultado o 2024-07-29. 
  49. Ballance, Cook & McCaughan 2009, p. 104
  50. Richardson, Mark (2018-02-15). "How Neutral Milk Hotel’s In the Aeroplane Over the Sea Became a Polarizing Cult Classic". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-29. 
  51. 51,0 51,1 Richardson, Mark. "Neutral Milk Hotel: In the Aeroplane Over the Sea". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-29. 
  52. "In the Aeroplane Over the Sea - Neutral Milk Hotel". AllMusic (en inglés). Consultado o 2024-07-29. 
  53. Larkin, Colin (2009-01-01). Neutral Milk Hotel (en inglés). Oxford University Press. ISBN 978-0-19-531373-4. doi:10.1093/acref/9780195313734.001.0001/acref-9780195313734-e-70939. 
  54. Martin, Garrett (2013-01-16). "Hitler, a potato and a flaming piano: How a '90s rock band inspired a fan-made JRPG". Polygon (en inglés). Consultado o 2024-07-29. 
  55. 55,0 55,1 Minsker, Evan (2013-04-29). "Neutral Milk Hotel Reunite for Tour". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-30. 
  56. Richardson, Mark. "Neutral Milk Hotel: Box Set". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-30. 
  57. Pelly, Jenn (2012-04-16). "Watch Jeff Mangum Perform at Coachella". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-30. 
  58. Parker, Chris. "Neutral Milk Hotel's Jeff Mangum tours again after 14 years". Orlando Weekly (en inglés). Consultado o 2024-07-30. 
  59. 59,0 59,1 Goble, Corban (2014-12-10). "Neutral Milk Hotel Announce "Last Tour for the Forseeable Future"". Pitchfork (en inglés). Consultado o 2024-07-30. 
  60. Gallagher, Alex (2023-01-11). "Neutral Milk Hotel announce career-spanning vinyl box set and share previously unreleased track". NME (en inglés). Consultado o 2024-07-30. 
  61. "Here are the 2024 Grammy Award winners". NPR. Consultado o 30 de xullo de 2024. 

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]