Lis Franco | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Luisa Victoria de Fátima Franco Iglesias | ||
Nacemento | 1965 | ||
Lugar de nacemento | Caracas | ||
Posición | Dianteira | ||
Carreira xuvenil | |||
1975–1981 | Karbo Club de Fútbol | ||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1981–1987 | Karbo Deportivo | ||
1987–1988 | Liceo La Paz Fútbol Sala | ||
1989–1993 | Meirás | ||
Selección nacional | |||
1976 | Galicia | ||
1983 | España | 2 | (0) |
1990–1991 | Galicia | ||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Luisa Victoria de Fátima Franco Iglesias, coñecida como Lis Franco, nada en Caracas en 1965, é unha exfutbolista, xornalista e produtora audiovisual galega.
Histórica dianteira do Karbo Deportivo, no que entrou sendo nena e co que conquistou todos os títulos da historia do club, anotando ademais os goles decisivos nas finais da Copa da Raíña de 1981 e 1984. Formou parte da primeira selección española oficial.
Pasou logo a xogar ao fútbol sala e competiu na Primeira División co Meirás, co que gañou a Copa da Raíña de 1991. Exerceu tamén como xornalista, traballando en diarios como La Voz de Galicia ou El Ideal Gallego, na televisión e na radio. Creou a produtora Meiga Audiovisual, que realizou programas para a Televisión de Galicia.
É filla do histórico futbolista arxentino do Deportivo da Coruña, Rafael Franco.
É filla da coruñesa Victoria Iglesias López e do futbolista e adestrador arxentino Rafael Franco, que fixo historia no Deportivo da Coruña formando parte da dianteira denominada Orquestra Canaro. Naceu en Caracas, na época na que seu pai adestraba á selección nacional de Venezuela. Comezou a darlle patadas ao balón en Venezuela e ao pouco tempo a familia instalouse en Galicia, cando Rafael Franco se puxo á fronte do Racing de Ferrol.[1][2]
En 1975 entrou no Karbo Club de Fútbol, un equipo dun colexio do barrio coruñés dos Mallos dirixido por José Mañana.[3] Tras varios anos xogando torneos amigables a RFEF incorporou o fútbol feminino en 1980, e en 1981 o Karbo conquistou en Tarragona a Copa Raíña Sofía, a primeira edición oficiosa da Copa da Raíña. Lis Franco foi autora dos dous goles na final fronte á Unión Risco das Palmas.[4]
Dous anos máis tarde gañou co Karbo a primeira edición oficial da Copa da Raíña, na que derrotaron na final en Xetafe por 4-1 ao CD Porvenir madrileño.[5] Ademais conquistou a primeira edición da liga galega.[6] Ao ano seguinte revalidou ambos títulos, co equipo xa dentro da estrutura do Deportivo da Coruña, anotando de novo dous goles na final da Copa, ambos no partido de ida contra o Amasorrain en Riazor.[7][8] En 1985 gañou a súa terceira liga galega e a súa terceira Copa da Raíña, tras derrotar na quenda de penaltis ao Barcilona.[9] Gañou aínda dúas ligas galegas máis antes da desaparición do club en 1988.
Coa desaparición do Karbo varias das súas xogadoras pasaron ao fútbol sala, e Lis entrou no novo equipo de fútbol sala do Colexio Liceo La Paz.[10] Posteriormente pasou ao Meirás, co que xogou varios anos na Primeira división, e co que conquistou a Copa da Raíña e a Copa Ibérica en 1991.[11][12][13]
Debutou coa selección galega absoluta con só 11 anos, nun partido contra Castela no Campo do Inferniño de Ferrol.[14]
En 1983 formou parte da primeira convocatoria oficial e da primeira aliñación da selección española que xogou o seu primeiro partido na Guarda contra Portugal, con vitoria portuguesa por 0-1.[15] Puido ser a primeira goleadora oficial da selección no segundo partido deste, fronte a Suíza, pero errou un penalti e o encontro rematou con empate a cero.[15] Non xogou máis partidos coa selección polo seu medo a voar.[1]
A comezos dos anos 90 formou parte tamén da selección galega de fútbol sala.[16]
Aínda que estudou Dereito, despois de deixar o fútbol acabou dedicándose ao xornalismo deportivo. Comezou no diario Marineda, facéndose pasar por seu pai, e logo traballou en El Ideal Gallego, Marca, La Voz de Galicia, RadioVoz e a Radio Galega.[2][1] Traballou tamén na televisión, como xefa de deportes de Telecoruña e Localia e creou a produtora Meiga Audiovisual, que realizou programas para a a Televisión de Galicia como Cancha Júnior ou Quero Pádel, presentados por ela mesma.[2]