Zoco | |||
---|---|---|---|
Información persoal | |||
Nome | Ignacio Zoco Esparza | ||
Nacemento | 31 de xullo de 1939 | ||
Lugar de nacemento | Garde | ||
Falecemento | 28 de setembro de 2015 | ||
Lugar de falecemento | Madrid | ||
Altura | 183 centímetros | ||
Posición | centrocampista | ||
Carreira xuvenil | |||
Esperanza | |||
Carreira sénior | |||
Anos | Equipos | Aprs | (Gls) |
1957–1959 | Oberena | ||
1959–1962 | Osasuna | 69 | (4) |
1959 | → Iruña | ||
1962–1974 | Real Madrid | 318 | (8) |
Total | 387 | (12) | |
Selección nacional | |||
1961 | España B | 1 | (0) |
1961–1969 | España | 25 | (1) |
Na rede | |||
Partidos e goles só en liga doméstica. [ editar datos en Wikidata ] | |||
Ignacio Zoco Esparza, nado en Garde, Navarra, o 31 de xullo de 1939 e finado en Madrid o 28 de setembro de 2015, foi un futbolista español que xogaba como centrocampista defensivo. Militou durante 12 anos no Real Madrid, co que disputou 434 partidos oficiais, gañando dez títulos. Foi 25 veces internacional coa selección española, coa que gañou a Eurocopa de 1964 e coa que participou no Mundial de 1966
Tras xogar no CD Oberena fichou en 1959 por Osasuna, pasando os primeiros meses cedido no CD Iruña. En xaneiro de 1960 debutou con Osasuna na Primeira División, nun partido contra o Oviedo no Carlos Tartiere. Fíxose rapidamente coa titularidade e militou no club ata 1962, vivindo un descenso a Segunda na súa primeira tempada e un ascenso na seguinte.
No verán de 1962 fichou polo Real Madrid, co que debutou nun partido da Copa de Europa ante o Anderlecht no Santiago Bernabéu, marcando o primeiro gol do encontro, que rematou 3-3. Xogou só 13 partidos de liga no seu primeiro ano, que rematou coa conquista do campionato, pero conseguiu a titularidade a partir de entón.
Na súa segunda campaña en Madrid, foi titular nos nove partidos da Copa de Europa e marcou dous goles nas semifinais ante o FC Zürich que contribuíron á clasificación do equipo branco á final da competición, onde caeron fronte ao Inter de Milán de Helenio Herrera.
Na tempada 1965/66 xogou completos os 30 partidos de liga e tamén os 9 da Copa de Europa, acadando a súa segunda final, que desta vez gañou, ao derrotar ao Partizan de Belgrado no Estadio de Heysel de Bruxelas.[1]
Durante os seus 12 anos no Real Madrid, gañou un total de sete ligas, dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa de Europa. Disputou un total de 434 partidos co club e marcou 17 goles. Retirouse en xuño de 1974 aos 35 anos.
Foi 25 veces internacional coa selección española, coa que debutou o 19 de abril de 1961 nunha vitoria por 1-2 contra Gales no Ninian Park de Cardiff. Formou parte do equipo español que conquistou a Eurocopa de 1964 e foi elixido no Once Ideal do torneo. Participou tamén no Mundial de 1966, disputando os tres partidos de España no torneo e actuando como capitán no último deles.
Casou en 1969 coa cantante e compositora María Ostiz, coa que tivo tres fillos: María, Ignacio e Jorge.[2] Morreu en Madrid o 28 de setembro de 2015, tras unha longa enfermidade. Tiña 76 anos.[3][4]