O Gran Cisma é a denominación que se dá ao acontecemento que dividiu a Cristiandade en Catolicismo Occidental e Ortodoxia Oriental. Aínda que se acostuma datar no ano 1054, O Cisma entre Occidente e Oriente vese na actualidade como o resultado dun dilatado período de estrañamento entre as dúas Igrexas. As causas primarias do Cisma foran as disputas sobre a autoridade papal ( o Papa reclamaba que el posuía autoridade sobre os catro patriarcas orientais de fala grega) e sobre a admisión, por parte das Igrexas Orientais, da cláusula de filioque no Credo de Nicea. Aínda hoxe a Ortodoxia Oriental sostén que a primacía do Patriarca de Roma era só honoraria, e que só posúe autoridade sobre a súa propia diocese e que non ten autoridade para mudar as decisións tomadas por un Concilio Ecuménico. Houbo outras diferenzas, menos significativas, como variantes sobre prácticas litúrxicas e queixas conflitivas sobre xurisdicións territoriais.

Orixes

Desde os primeiros tempos, a Igrexa recoñeceu a posición especial de tres bispos, que eran denominados patriarcas: O bispo de Roma, o patriarca de Alexandría e o patriarca de Antioquía. A estes engadiuse o patriarca de Constantinopla e máis o patriarca de Xerusalén, ambos confirmados como tales polo Concilio de Calcedonia, no 451. Os patriarcas mantiveron a súa preeminencia sobre os bispos da Igrexa. De entre eles, o bispo de Roma e o patriarca de Constantinopla eran considerados cun status maior a causa de que as súas sedes eran as dúas capitais do Imperio romano.

A división posterior do Imperio romano contribuíu á desunión da Igrexa. Teodosio o Grande, morto no 395, foi o último Emperador que gobernou sobre un Imperio romano unido. Logo do seu falecemento, o territorio foi dividido en dúas partes: oriental e occidental, cada unha co seu propio Emperador. A fins do século V, o Imperio romano occidental, fora destruído polas tribos xermánicas, en tanto o Imperio romano oriental (coñecido tamén como o Imperio bizantino) continuou subsistindo. Así que a unidade do Imperio romano foi o primeiro en caer.

Moitos outros factores contribuíron ao apartamento entre Oriente e Occidente. A lingua oficial no Occidente era o latín, mentres a do Oriente era o grego. Moi logo da caída do Imperio occidental, o número de persoas capaces de falar tanto grego como latín comezou a minguar, de xeito que a comunicación entre ambas as dúas zonas foi máis difícil. Coa ruptura da comunicación lingüística, a unidade cultural comezou tamén a quebrarse. As dúas metades da Igrexa dividíronse dun modo semellante; usaban ritos diferentes e tiñan variantes diferentes de interpretación das doutrinas relixiosas. Aínda que o Gran Cisma tería lugar varios séculos despois, os seus alicerces eran perceptíbeis xa antes.

Motivos do cisma

Os motivos que desataran o cisma foran:

A ruptura

A ruptura comezou a fraguarse a raíz da preocupación do Papado por uniformar os ritos no Sur de Italia, recentemente conquistada polos normandos aos bizantinos. Chocou coa oposición do patriarca de Constantinopla, Miguel Cerulario (Kerularios), que á súa vez estaba preocupado por uniformalos nos dominios de Constantinopla. Seguiu un intercambio de cartas desgraciadas nas que se subliñaba o Ecumenismo do patriarcado constantinopolitano, á par que o Emperador bizantino Constantino IX era partidario dunha alianza con Roma e desexaba a conciliación.

O Papa León IX enviou a Constantinopla os legados Humbert de Moyenmoûtier, Frédéric de Lorraine (máis tarde Papa co nome de Estevo IX) e Pierre d'Amalfi. Humbert e Miguel Cerulario manteñen susceptibilidades mutuas. O debate tornouse un intercambio de insultos francamente inxuriosos. Humbert subliña o problema do filioque. O 16 de xullo de 1054, Humbert e os outros legados depositan a bula de excomuñón contra Cerulario sobre o altar da catedral de Santa Sofía, saen e sacoden o po do seu calzado. Isto semella unha alusión a unha pasaxe do Evanxeo de San Lucas (9:6): « E, se as xentes non vos reciben, saíde desa cidade e sacudídevos o po dos pes, en testemuña contra eles ». O 24 de xullo, o sínodo permanente bizantino replica botando un anatema contra os legados. O Papa non foi posto en cuestión. O asunto non foi tomado demasiado en serio na época, a pesar da excomuñón, algúns anos despois, contra o Emperador Aleixo I Comneno, por outra parte levantada polo Papa Urbano II.

Será a partir do século XII cando o asunto se acedou coincidindo coas Cruzadas e o declinar do Imperio bizantino e medran as rivalidades entre os Estados occidentais. O saqueo de Constantinopla, durante a Cuarta Cruzada, en 1204, sería o acontecemento determinante.