Gonzar | |
---|---|
Concello | O Pino[1] |
Provincia | A Coruña |
Coordenadas | 42°57′12″N 8°18′22″O / 42.9534, -8.3062Coordenadas: 42°57′12″N 8°18′22″O / 42.9534, -8.3062 |
Poboación | 449 hab. (2013) |
Entidades de poboación | 18[1] |
[ editar datos en Wikidata ] |
Santa María de Gonzar é unha parroquia que se localiza no norte do concello do Pino. Segundo o IGE en 2013 tiña 449 habitantes (239 mulleres e 210 homes) distribuídos en 10 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 493 habitantes.
Trátase dun sucedido real sobre unha muller de Gonzar chamada Josefa de la Torre, nacida en 1772 ou 1773, e que recolleron autores como Benito Vicetto (Cristina, páginas de un diario, 1852) e Emilia Pardo Bazán (La santa de Karnar, 1890). Chámanse espiritadas aquelas persoas que permanecen durante meses e anos, ata a súa morte, inmóbiles, como mortas, sen comer nin beber, e con capacidade de conseguir curacións dos enfermos que as visitan, cualificadas de milagrosas.
Neste caso, tratábase dunha muller casada, con tres fillos e posteriormente viúva. Dise que en 1806, un día de novembro, saíu baixo a chuvia -acalorada de traballar na cociña- e outro día de decembro saíu ó frío, e a consecuencia diso contraeu algunha enfermidade que a obrigou a encamarse. Pouco a pouco foi sumíndose e quedou inmóbil, sen comer e sen falar. Dise que o arcebispo mandou a alguén a investigar e que, tras observala durante 17 días (tras despedir ós criados, por se a alimentaban de noite), asegurou que non se alimentaba. Dise tamén que os soldados prenderon lume á cama pero que ela nin se moveu nin dixo nada, polo que apagaron o lume axiña. Hai testemuñas de persoas que a visitaron en 1815, e que daquela levaba dez anos encamada, e sen comer nin beber nada durante os últimos seis anos. Tampouco a lavaban nin peiteaban nin a cambiaban de roupa, e a pesar diso mantiña un aspecto impecable, limpo e aseado.
En 1838, despois de 30 anos en cama, foi examinada por un médico de Santiago, Varela Montes. Este escribiu que se ben comía algo nun principio, pronto deixou de comer en absoluto, e que a súa cara estaba tersa, sen signos de extenuación e coa respiración lenta, estando case cega. O párroco do lugar visitábaa tódolos meses para darlle a comuñón; declarou que algunhas veces choraba. Finalmente, morreu en 1848 e foi enterrada baixo o altar da igrexa de Santa María de Gonzar.
Existe un retrato da espiritada de Gonzar no Museo de Pontevedra, obra de Juan José Cancela del Río. A medicina actual considéraa como o primeiro caso documentado en Galicia de anorexia.
Lugares da parroquia de Gonzar no concello do Pino (Provincia da Coruña) | |
---|---|
Amarelle | A Arnela | A Bugalleira | Cabanelas | O Carballiño | Castelo | Os Castriños | Gonzar | A Igrexa | O Lameiro | A Ponte Puñide | O Pumar | Rabal de Abaixo | Rabal de Arriba | San Gregorio | Santo André | O Vilar |