O Dogma 95 (dinamarqués: Dogme 95) foi un movemento cinematográfico de vangarda iniciado en 1995 polos directores dinamarqueses Lars von Trier e Thomas Vinterberg, que crearon o "Manifesto Dogma 95" e o "voto de castidade" (dinamarqués: kyskhedsløfter). No intento de recoller a "pureza" do cinema, lonxe de artificios ou complexidades técnicas. Estas eran regras para crear unha cinematografía baseada nos valores tradicionais de guión, actuación e tema, excluíndo o uso de efectos especiais elaborados ou tecnoloxía, coa esperanza de que a industria dese de novo o poder ao artista como oposición ao estudio.[1] Tras von Trier e Vinterberg uníronse outros directores como Kristian Levring e Søren Kragh-Jacobsen, que formaron o Colectivo Dogma 95 ou Dogme Brethren.
Lars von Trier e Thomas Vinterberg escribiron e asinaron o manifesto e os seus votos. Vinterberg dixo que os escribiron en 45 minutos.[2] O movemento presentado en París o 13 de marzo de 1995 na conferencia Le cinéma vers son deuxième siècle. O mundo do cinema reunírase para celebrar o centenario desa arte e contemplar o futuro do cinema comercial. Chamado a falar sobre este tema, Lars von Trier lanzou a un público perplexo, panfletos vermellos anunciando o "Dogma 95".
O primeiro filme do movemento (Dogme #1) foi Festen, de Vinterberg, en 1998, que recibiu grandes críticas e gañou o premio do xurado no Festival de Cannes. O actor e director franco-estadounidense Jean-Marc Barr foi o primeiro estranxeiro en dirixir un filme Dogma, Lovers (1999) (Dogme #5). O director galego Juan Pinzás filmou a triloxía Era outra vez (2000), Días de voda (2002) e O desenlace (2005).
A finais da década do 2000 a chegada da tecnoloxía de vídeo en cámaras fotográficas contribuíu ao aumento de filmes e curtametraxes seguindo en maior ou menor medida as regras do manifesto. Porén, debido aos avances tecnolóxicos e á calidade a estética destas producións está moi afastada dos filmes rodados en cinta.
O obxectivo do movemento é purificar a arte cinematográfica, rexeitando os efectos especiais e as modificacións na posprodución. As dez regras que debía cumprir un filme para ser considerado Dogma segundo o "Voto de Castidade," son:[1]
As regras foron rotas desde o primeiro filme Dogma producido. Por exemplo, Vinterberg “confesou” que durante unha escena de Festen cubriu unha xanela, o que deu á escena unha iluminación especial. Von Trier usou a música de Le Cygne de Camille Saint-Saëns no filme Idioterne.
Desde o trixésimo primeiro filme Dogma (2002) un cineasta xa non necesita que a súa obra sexa verificada e identificada como dentro do movemento. Os fundadores orixinais comezaron a traballar en novos proxectos experimentais e o movemento rompeuse en 2005.[3]
Os principais filmes do movemento foron:
Algúns dos directores adheridos ao grupo foron Thomas Vinterberg, Lars von Trier, Søren Kragh-Jacobsen, Kristian Levring, Jean-Marc Barr, Anthony Dod Mantle, Paprika Steen, Harmony Korine, Susanne Bier e Richard Martini.
![]() |
A Galipedia ten un portal sobre: Cine |