Para o calendario litúrxico da Igrexa católica, véxase calendario romano xeral

O calendario romano era, posibelmente, de orixe etrusca. Era un calendario lunar adaptado ao ano solar. O ano comezaba o 15 de marzo e tiña 12 meses de 29 e 31 días máis un mes intercalar de 20 ou 22 días cada dous anos. Mediante esta innovación, atribuída ao rei Numa Pompilio, o ano medio duraba 366 días e medio. Os pontífices eran os encargados de regular este mes. Pero isto foi variando ao longo da historia.

Historia

[editar | editar a fonte]
Fragmento dun calendario romano.


Fases vistas desde o hemisferio Norte.

Segundo a tradición romana, a orixe mítica do antigo sistema para dividir o tempo debeuse ao primeiro dos reis, Rómulo. Este foi reformado, tamén segundo a tradición, polo seu sucesor Numa Pompilio. Utilizouse na Antiga Roma ata o 46 a.C. cando Xulio César, que era ditador e Pontifex Maximus, decretou unha drástica reforma no calendario, asesorado por astrónomos exipcios, como o alexandrino Sosíxenes, creando o calendario xuliano. Este calendario "xuliano", modificado en 1582 (calendario gregoriano), é o calendario occidental actual.

Antecedentes

[editar | editar a fonte]

Orixinariamente, moitas culturas antigas utilizaban o calendario lunar para contar o tempo.

Os pobos romanos primitivos tiñan diferentes calendarios lunares, cada un co seu propio número de meses, a súa propia duración do ano e dos meses, por exemplo, os habitantes de Alba Longa tiñan un calendario de 10 meses, de 18 a 36 días cada mes; os de Lavinio tiñan outro de 374 días distribuído en 13 meses; os etruscos tiñan meses baseados na Lúa chea. Estes calendarios tiñan unha base lunar, o comezo dos meses adoitaba marcarse coa aparición da Lúa nova.

Calendario de Rómulo

[editar | editar a fonte]

Segundo a tradición, o calendario romano foi creado durante o reinado de Rómulo, fundador de Roma. Comprendía dez meses lunares, de marzo a decembro. Entre decembro e o comezo do ano seguinte había un período que non correspondía a ningún mes, dado que era o período en que non había labores agrícolas nin actividade militar. O ano xa que logo duraba ao redor de 304 días ou ben 10 meses lunares. Este período de decembro a marzo dedicábase en parte a ritos de purificación colectiva na transición dun ano a outro, era unha especie de "tempo morto".

O ano tiña dez meses, co equinoccio de primavera situado no primeiro mes, Martius:

Calendario de Rómulo
Martius (31 días)
Aprilis (30 días)
Maius (31 días)
Iunius (30 días)
Quintilis[1] (31 días)
Sextilis (30 días)
Septembris (30 días)
Octobris (31 días)
Novembris (30 días)
Decembris (30 días)

Calendario de Numa Pompilio

[editar | editar a fonte]

Posteriormente realizouse unha reforma a partir da época etrusca (séculos -VII a -VI), atribuída pola tradición ao rei Numa Pompilio, segundo rei de Roma. Modificouse a duración dos meses para que durasen 29 e 31 días alternativamente (para os romanos, os números pares traían mala sorte), e engadíronse dous meses adicionais entre decembro e marzo: xaneiro e febreiro. Desde mediados do século -II (no ano 153 a.C.), o ano, que ata entón empezara no mes de marzo, pasou a comezar en xaneiro, pero a tradición de empezar o ano en marzo continuaba ata o século -II, tanto no aspecto político, coa toma de posesión das maxistraturas anuais, como no militar dando inicio ás campañas bélicas. Así o ano pasou a durar 355 días: febreiro tiña 28 días, marzo, maio, xullo e outubro 31, e o resto 29, dando o total de 355 días. Como logo da reforma de Numa Pompilio as cousas non se arranxaron, xa que seguía o calendario lunar oficial desfasado co curso estacional, baseado no ciclo solar, optouse por engadir dous meses, un de 23 e outro de 22 días, denominados Mercedonios ou Intercalares en cada ciclo de catro anos: un no segundo e outro no cuarto ano de cada ciclo respectivamente. Este mes engadíase dentro do mes de febreiro, entre o 23 (día das festas chamadas Terminalia) e o 24.

O primeiro de todo divide o ano en 12 meses segundo o ciclo lunar, como a Lúa non completa os 30 días cada un dos meses e faltan 11 días para o total do ano que se corresponde co ciclo dos solsticios do Sol, dispuxo que engadisen os meses intercalares; de maneira que cada 20 anos os días coincidisen coa mesma posición do Sol que tiveran nun principio, enchendo así os ocos producidos en todos estes anos. Así mesmo creou os días nefasti e os días fasti, porque sería útil suspender toda actividade política de cando en vez.
Tito Livio, Ab urbe condita.

O complicado sistema de axuste dos meses, para que os anos se axustasen ao ciclo solar era controlado polo Colexio dos Pontífices, pero nunca se solucionou satisfactoriamente ese desfase. Os romanos distinguían catro estacións, denominadas: ver (primavera), aestus (verán), autumnus (outono) e hiems (inverno).

Calendario de Numa Pompilio
Ianuarius (29 días)
Februarius (28 días)
Martius (31 días)
Aprilis (29 días)
Maius (31 días)
Iunius (29 días)
Quintilis (31 días)
Sextilis (29 días)
Septembris (29 días)
Octobris (31 días)
Novembris (29 días)
Decembris (29 días)

Os seis primeiros meses denomináronse cun nome derivado do da divindade ou culto ao que estaban consagrados. A denominación dos meses era:

Calendario xuliano

[editar | editar a fonte]
Artigo principal: Calendario xuliano.

Os coñecementos astronómicos da época estableceran que un ano solar duraba 365 días e un cuarto, polo que para facer cadrar o ano coas estacións, o ano 46 a.C. Xulio César, que detentaba o cargo de Pontifex Maximus aquel ano, modificou o ano do seguinte xeito:

Calendario xuliano
Ianuarius (31 días)
Februarius (28 días)
Martius (31 días)
Aprilis (30 días)
Maius (31 días)
Iunius (30 días)
Quintilis > Iulius (31 días)
Sextilis > Augustus (31 días)
Septembris (30 días)
Octobris (31 días)
Novembris (30 días)
Decembris (31 días)

Cronoloxía

[editar | editar a fonte]

Denominación dun ano

[editar | editar a fonte]

Para fixar o ano dun acontecemento había diferentes sistemas:

Deste xeito podiamos indicar os anos de tres xeitos, por exemplo o ano do consulado de Cicerón e da conxuración de Catilina (-63) podía expresarse para os romanos dos seguintes xeitos: DCXC ab urbe condita (ano 690 da fundación de Roma), M.Tulio, C. Antonio consulibus (Ano en que foron cónsules Marco Tulio e Gaio Antonio), CDXLVI post reges exactos (ano 446 trala expulsión dos reis).

Denominación dos días

[editar | editar a fonte]
Pintura da morte de Xulio César. Foi asasinado nos Idos de marzo: o día 15 de marzo.

Para indicar os días do mes, os romanos tiñan un sistema moi complicado, herdado da época do calendario lunar primitivo. Non numeraban os días do 1 ao 31, senón que en cada mes había tres días clave, as datas fixas:

Datas fixas Nome latino Definición
As calendas kalendae, -arum As calendas eran o primeiro día de cada mes, que debeu coincidir en principio coa Lúa nova. Desta palabra deriva a nosa de calendario.
As nonas nonae, -arum As nonas eran o día cinco de cada mes, excepto en marzo, maio, xullo e outubro nos cales as nonas eran o día sete. Era unha data intermedia, oito días antes dos idos e denominábase nonae porque era o noveno día contando o dos idos.
Os idos idus, -uum Os idos eran o día trece de cada mes, excepto en marzo, maio, xullo e outubro, nos que eran o día quince. Xa que logo, era unha data móbil e correspondíase coa Lúa chea.
Kalendis Ianuariis, nas calendas de xaneiro (1 de xaneiro).
Nonis Octobribus, nas nonas de outubro (7 de outubro).
Pridie Nonas Ianuarias, a véspera das nonas de xaneiro (4 de xaneiro).
Postridie Idus Octobres, o día seguinte aos idos de outubro (16 de outubro).
Ante diem sextum Kalendas Martias, o sexto día antes das calendas de marzo (24 de febreiro). En abreviatura escribiríase: a.d. VI kal. mar.
Ante diem tertium kalendas apriles (30 de marzo). En abreviatura escribiríase: a.d. III kal. apr.
Calendario de misal medieval do mes de xuño, usando o calendario romano .
Táboa de correspondencia dos días do calendario romano cos do calendario actual
xaneiro
agosto
decembro
marzo
maio
xullo
outubro
abril
xuño
setembro
novembro
febreiro febreiro
anos bisestos
día do
calendario
actual
Kal. Kal. Kal. Kal. Kal. 1
IV Non. VI Non. IV Non. IV Non. IV Non. 2
III Non. V Non. III Non. III Non. III Non. 3
II Non. IV Non. II Non. II Non. II Non. 4
Non. III Non. Non. Non. Non. 5
VIII Id. II Non. VIII Id. VIII Id. VIII Id. 6
VII Id. Non. VII Id. VII Id. VII Id. 7
VI Id. VIII Id. VI Id. VI Id. VI Id. 8
V Id. VII Id. V Id. V Id. V Id. 9
IV Id. VI Id. IV Id. IV Id. IV Id. 10
III Id. V Id. III Id. III Id. III Id. 11
II Id. IV Id. II Id. II Id. II Id. 12
Id. III Id. Id. Id. Id. 13
XIX Kal. II Id. XVIII Kal. XVI Kal. XVI Kal. 14
XVIII Kal. Id. XVII Kal. XV Kal. XV Kal. 15
XVII Kal. XVII Kal. XVI Kal. XIV Kal. XIV Kal. 16
XVI Kal. XVI Kal. XV Kal. XIII Kal. XIII Kal. 17
XV Kal. XV Kal. XIV Kal. XII Kal. XII Kal. 18
XIV Kal. XIV Kal. XIII Kal. XI Kal. XI Kal. 19
XIII Kal. XIII Kal. XII Kal. X Kal. X Kal. 20
XII Kal. XII Kal. XI Kal. IX Kal. IX Kal. 21
XI Kal. XI Kal. X Kal. VIII Kal. VIII Kal. 22
X Kal. X Kal. IX Kal. VII Kal. VII Kal. 23
IX Kal. IX Kal. VIII Kal. VI Kal. VI Kal. 24
VIII Kal. VIII Kal. VII Kal. V Kal. VI Kal. 25
VII Kal. VII Kal. VI Kal. IV Kal. V Kal. 26
VI Kal. VI Kal. V Kal. III Kal. IV Kal. 27
V Kal. V Kal. IV Kal. II Kal. III Kal. 28
IV Kal. IV Kal. III Kal. II Kal. 29
III Kal. III Kal. II Kal. 30
II Kal. II Kal. 31
Días fasti e nefasti
[editar | editar a fonte]

No calendario tamén se marcaban os días que eran non hábiles por motivos relixiosos para reunir ao pobo en asemblea ou para celebrar xuízos. Estes días aparecían no calendario como nefasti (n); eran case a terceira parte dos días do ano durante a época da República. No Imperio estes chegaron a ser a metade dos días do ano. O resto eran os chamados días fasti (f) ou hábiles. Algúns eran nefasti só a efectos xudiciais e podíanse reunir as asembleas (comitia), polo que se chamaban comitiales.

Fas indica o lícito e nefas o ilícito (...) En correspondencia con este significado denominaranse dies fasti aqueles nos que é lícita toda actividade humana e dies nefasti os que implican a suspensión dalgunhas actividades
García Sánchez, J.[2]
Días festivos
[editar | editar a fonte]

Cada oito días figuraba un de descanso (nundinae); era o día de mercado, aproveitado para cuestións oficiais, para ir ás termas, visitar os amigos etc.

A estes días engadíanselle os das grandes festas relixiosas (feriae) e os de ludi ou xogos cívico-relixiosos, que chegaban a durar varios días (e tamén aumentaron na época imperial).

As vacacións escolares coincidían case coas actuais: as de verán do 1 de xullo ao 15 de outubro, e dúas máis curtas, en marzo polas festas de honor a Minerva, deusa da sabedoría, e en decembro, debido ás Saturnais, do 17 ao 25.

Denominación das horas

[editar | editar a fonte]

Os romanos non dividían o día en 24 horas ou en 24 partes iguais durante todo o ano.

Repartían o tempo de luz (o día) en doce horas. Deste xeito, no verán, as horas resultaban máis longas que no inverno. Para medir as horas, utilizaban reloxos de sol (horologium, v. reloxo de sol), e máis raramente de auga (clepsydra, v. clepsidra).

As horas expresábanse con números ordinais: hora prima, hora secunda, hora tertia etc. A hora prima era a primeira do día, a do amencer. A hora que marcaba o final do día, a posta de sol, era a hora duodecima. Da hora sexta, que marcaba o mediodía, procede a palabra sesta.

A noite dividíase en catro partes denominadas uigiliae: prima uigilia, secunda uigilia etc. Tiñan unha duración diferente segundo fose a época do ano.

Esta distribución en catro partes e o propio nome gardaban relación coas quendas de vixilancia dos campamentos militares. Tamén as unidades de bombeiros de Roma, de carácter militar, denominábanse uigiles: cohortes uigilum.

Notas

[editar | editar a fonte]
  1. Tamén denominado Quinctilis; ver, por exemplo, The Oxford companion to the year, Oxford University Press, Bonnie Blackburn & Leofranc Holford-Strevens, 1999, páxina 669.
  2. García Sánchez, J. (1769) Divergencia sustancial en la aprobación de la constitución sinodalrelativa a los mercados en días festivos. (p. 337) El Sínodo Diocesano de Oviedo.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Bibliografía

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]