BTS | |
---|---|
BTS en 2018. | |
Orixe | Seúl, Corea do Sur |
Período | 2013 - presente |
Xénero(s) | K-pop, hip hop,[1] R&B e EDM |
Selo(s) discográfico(s) | |
Membros | |
Na rede | |
Páxina oficial | |
|
BTS (en hangul: 방탄소년단, romanización revisada: Bangtan Sonyeondan), é un grupo de K-pop surcoreano formado por Big Hit Entertainment. Está composto por sete integrantes: Jin, Suga, J-Hope, RM, Jimin, V e Jungkook. Debutaron o 13 de xuño de 2013 coa canción «No More Dream» incluída no seu primeiro álbum sinxelo 2 Cool 4 Skool. O seu debut no Xapón produciuse coa versión en xaponés de «No More Dream» o 4 de xuño de 2014. O nome do club de fans oficial é A.R.M.Y, acrónimo de «Adorable Representative MC for Youth».
Até 2018, o grupo publicou tres álbums de estudio, cinco EPs, vinte e dous sinxelos e dous álbums recompilatorios en Corea do Sur. Ademais, publicaron tres álbums de estudio, oito sinxelos e dous álbums recompilatorios no Xapón. O seu segundo álbum, Wings, bateu a marca do álbum surcoreano mellor situado en Billboard 200, entrando no número 26, e coa súa reedición, You Never Walk Alone, convertéronse nos artistas coreanos con máis entradas na lista con catro álbums.[4][5] Ostentan tamén a marca de maior número de semanas no número un do Billboard World Albums e de maior número de semanas na lista. Wings converteunos tamén nos primeiros artistas surcoreanos en entrar na lista de álbums do Reino Unido, Official Charts Company, no número 62, e nos únicos en entrar no Billboard Canadian Albums dúas veces, coa mellor posición no posto 19.[6] No Xapón chegaron ao número un da lista Oricon nas categorías de sinxelo e álbum, converténdose nos primeiros artistas hip-hop estranxeiros en conseguilo.[7] Ademais, co sinxelo «Blood Sweat & Tears (Japanese Version)» bateron a marca do artista estranxeiro que máis rápido conseguiu vender 200 000 copias dun disco desde o seu debut.[8] O seu quinto EP, Love Yourself: Her, debutou no sétimo posto da lista Billboard 200, sendo a maior posición obtida por un artista asiático na historia.[9]
BTS recibiu cinco premios ao mellor artista novo en Corea do Sur, incluído o premio "New Artist of the Year" dos Melon Music Awards de 2013, ademais de dous premios a mellor artista novo no Xapón e un na China.[10][11][12] En 2016 recibiron o premio daesang ao "Artista do ano" nos Mnet Asian Music Awards e o premio ao "Mellor álbum do ano" nos Melon Music Awards por The Most Beautiful Moment in Life: Young Forever.[13] A súa popularidade internacional e a súa presenza nas redes sociais levounos a ser en 2017 o primeiro grupo k-pop en ser nomeados e recibir un premio Billboard Music Award, en concreto na categoría "Top Social Artist" .[14] En 2015 recibiron tamén un MTV Europe Music Award como mellor artista coreano e un nomeamento como mellor artista asiático.[15]
Levaron a cabo cinco xiras como artistas en solitario: dúas xiras mundiais, dúas en Asia e unha no Xapón, atraendo a máis de 600 000 espectadores e actuando en Asia, Oceanía, Norteamérica e América do Sur. Tamén participaron en festivais internacionais como Summer Sonic en 2015 e nas edicións do KCON dos Ánxeles Abu Dhabi, París, Nova York en 2014; Os Ánxeles en 2016; México en 2017.[16][17]
O nome do grupo, BTS, é un acrónimo da expresión coreana Bangtan Sonyeondan (en coreano: 방탄소년단; hanja: 防彈少年團))), que literalmente significa «Boy Scouts a proba de balas». Segundo o líder do grupo, RM, o nome foi conceptualizado en base «á idea de que BTS deixaría de lado os estereotipos, críticas, e expectativas dirixidas como balas cara aos mozos, e protexería os valores e ideais da nova xeración de adolescentes».[18]
No Xapón son coñecidos como Bōdan Shōnendan (Bōdan Shōnendan (防弾少年団?), ), o cal se traduce de maneira similar. O 27 de xullo de 2017, BTS anunciou que o seu acrónimo tamén significa «Beyond The Scene» como parte da súa identidade de marca.[19] Isto ampliou o significado do seu nome, que agora tamén representa a unha «mocidade en evolución 'BTS', que vai máis aló das realidades ás que se enfronta e que segue adiante».[20]
RM foi o primeiro membro recrutado de BTS.[21][22] O segundo membro foi Suga, quen foi elixido tras quedar segundo nas audicións Hit It de 2010.[23] J-Hope entrou como aprendiz en Big Hit o 24 de decembro de 2010, despois chegaron Jin, Jungkook (o 24 de abril de 2011 despois de ser eliminado nas audicións Superstar K3), V e Jimin.
No 2011, os rapeiros do grupo crearon a canción «Paldogangsan» para promocionar as audicións Hit It dese ano. Xa que as audicións se celebraban a nivel nacional decidiron utilizar os seus dialectos locais na canción.[24] No 2013 o grupo incluíu o tema no álbum Ou!RUL8,2? e promocionárono en programas de música.[25]
En 2012 algúns dos integrantes do grupo apareceron no vídeo musical «I'm Da One» de Jo Kwon do grupo 2AM, que naquel momento formaba parte de Big Hit.[26] J-Hope e Jungkook participaron como bailaríns no vídeo e durante a promoción do tema, en programas de música.[27] Ademais, J-Hope participou tamén como rapeiro no tema «Animal» do mesmo álbum, actuando xunto a Jo Kwon nas súas aparicións televisivas.[28]
A canle de Youtube do grupo, BANGTANTV, creouse o 16 de decembro de 2012 e o blog, o 21 de decembro.[29][30] Entón comezaron a publicar algunhas das cancións nas que estiveran traballando durante o seu adestramento. «Rap Monster» de RM e «All I Do Is Win» de Suga publicáronse o 22 de decembro, na conta de Soundcloud, e nos seguintes meses apareceron «School Of Tears» e «Graduation».Utilizaron tamén a canle de Youtube para publicar outro tipo de contido, como vlogs, análise de equipo musical ou prácticas de canto e baile. A conta persoal de Twitter do grupo creouse o 13 de xullo de 2011, pero non se empezou a utilizar até o 17 de decembro de 2012.[31]
O 21 de maio de 2013 o blog que o grupo estivera utilizando até ese momento pechouse e anunciouse a creación da páxina web oficial (bts.ibighit.com), onde apareceu unha conta regresiva que acababa o 27 de maio.[32] Ese día publicouse o tráiler de debut do grupo e apareceu unha nova conta regresiva que remataba o 3 de xuño. Ese día apareceron fotos e información sobre o primeiro membro, V, que fora mantido en segredo até ese momento. Ademais anunciouse que o sinxelo debut 2 Cool 4 Skool sairía o 12 de xuño, data na que se produciría a presentación oficial do grupo.[33]
O 12 de xuño de 2013 publicouse o primeiro sinxelo do grupo, 2 Cool 4 Skool, co que promocionaron os temas «No More Dream» e «We Are Bulletproof Pt.2». A súa primeira actuación foi o 13 de xuño no programa M! Countdown; este considérase o seu debut oficial.[34] En setembro chegaría o primeiro mini álbum, Ou!RUL8,2?, que tivo como título principal a canción «N.O». Ademais, o 3 de setembro comezou a emisión en SBS MTV do primeiro reality da banda, Rookie King.[35] A finais de ano chegaría o seu primeiro premio como "Mellor Novo Artista do Ano" na quinta edición dos Melon Music Awards. A este premio sumaríanse outros nos Golden Disk Awards, Seoul Music Awards e Gaon Chart K-Pop Awards.[36][37]
En novembro realizaron a súa primeira actuación fóra de Corea do Sur, no 7 See Concert en Tailandia.[38] O 8 de decembro tivo lugar o First Japan Showcase en Tokio, o seu primeiro concerto no Xapón, para o que se engadiron máis datas en xaneiro en Tokio e Osaka e ao que acudiron 6 500 persoas.[39] O mesmo día, Suga acudiu ao hospital no Xapón por unha dor de estómago, regresou a Corea de urxencia e ao día seguinte foi operado de apendicite.[40]
O 12 de febreiro de 2014 saíu ao mercado o segundo mini álbum, Skool Luv Affair, que finalizaría a triloxía da escola elaborada polo grupo. O sinxelo «Boy In Luv» foi a primeira canción da banda nomeada a número un nun programa de música.[41] O 13 de maio emitiuse en Mnet un capítulo do programa 4 Things Show dedicado a Rap Monster e á súa carreira como ídolo e rapeiro.[42] O 13 de xuño de 2014 acudiron ao Moscow Korean Culture Festival, creado polas organizacións de turismo de Rusia e Corea do Sur, sendo os únicos artistas coreanos convidados por Rusia.[43]
O 4 de xuño publicouse o primeiro sinxelo do grupo no Xapón, «No More Dream (Japanese Ver.)», que entrou no número 6 na lista Oricon Daily Chart e no número catro en Billboard Xapón Top Single Sales. Vendéronse máis de 32 000 unidades na súa primeira semana no mercado.[44] A finais de xuño de 2014 a banda viaxou aos Estados Unidos co propósito de gravar o seu novo álbum de estudio.[45] Ademais, durante a súa estancia gravaron o seu segundo reality, American Hustle Life, que seguía aos membros mentres aprendían sobre a cultura do hip-hop. O reality comezou a emitirse en xullo na cadea Mnet.[46] O 16 de xullo saíu á venda o sengundo sinxelo xaponés, «Boy In Luv (Japanese Ver.)». Continuaron o verán con actuacións en Alemaña, Suecia , Brasil e Chile na que sería a súa primeira visita a Europa e Suramérica.[47]
O 10 de agosto o grupo participou na KCON nos Ánxeles, a primeira á que foron convidados.[48] O 19 de agosto publicouse o seu primeiro álbum de estudio, Dark & Wild, co que promocionaron os temas «Danger» e «War Of Hormone». O primeiro concerto en solitario da banda tivo lugar o 17, 18 e 19 de outubro de 2014 en Seúl, que deu inicio ao tour BTS Live Trilogy Episode II: The Red Bullet.[49] A primeira parte da xira levounos por países asiáticos como o Xapón, Filipinas ou Tailandia.
En outubro participaron no programa especial de Music Bank realizado na Area de Cidade de México.[50] En novembro foron nomeados aos MTV Europe Music Awards como Mellor Artista Coreano.[51] O 3 de decembro foron convidados a actuar na alfombra vermella dos Mnet Asian Music Awards, así como na mesma gala de premios en colaboración con Block B. O 24 de decembro, no Xapón, saíu ao mercado Wake Up, o primeiro álbum completo da banda. Chegou ao número 3 na lista Oricon xaponesa e ao 2 en Billboard Xapón. Vendéronse 2 715 copias disco nas primeiras vinte e catro horas.[52]
O 15 de xaneiro de 2015 o grupo gañou o seu primeiro premio bonsang polo álbum Dark & Wild nos Golden Disk Awards.[53] O segundo chegaría uns días despois nos Seoul Music Awards.[54] Ese mesmo mes gañaron ademais o premio "World Rookie Award" nos Gaon Chart K-Pop Awards e dous premios nos Japan Gold Disc Awards.[55]
En febreiro comezaron a primeira xira xaponesa do grupo, First Japanese Tour Wake Up: Open Your Eyes. Tivo lugar en Tokio, Osaka, Nagoya e Fukuoka e para ela vendéronse 25 000 entradas.[56] En marzo tivo lugar o segundo concerto do grupo en Corea, BTS Live Episode I: BTS Begins, celebrado os días 28 e 29 e con 6 500 entradas vendidas.[57]
O 29 de abril de 2015 publicouse o mini álbum The Most Beautiful Moment in Life, Part 1. O álbum vendeu máis de 70 000 copias nos primeiros días e entrou na lista Billboard World Albums no número dous.[58] O 7 de maio o grupo conseguiu a súa primeira vitoria nun programa de música en The Show con «I Need U», o sinxelo principal do disco, co que gañaron un total de cinco premios.[59] O vídeo musical da canción ademais conseguiu un millón de visitas en Youtube en dezaseis horas.[60]
O 17 de xuño publicouse o cuarto sinxelo xaponés, «For You», o primeiro orixinal para o país nipón, que entrou como número un na lista Oricon Daily Chart vendendo 70 000 copias no seu primeiro día no mercado.[61] Ese mesmo mes comezou a segunda parte do tour BTS Live Episode II. The Red Bullet, que tivo paradas en Taiwán, Australia e os Estados Unidos, finalizando o 29 de agosto en Hong Kong e atraendo a un total de 80 000 espectadores.[62] Durante o verán tamén realizaron unha xira de fan meetings polo Xapón á que acudiron 18 000 fans e en agosto participaron no festival Summer Sonic, actuando o 15 de agosto en Osaka e o 16 en Tokio.[63]
En setembro levaron a cabo o tour Highlight por Norteamérica en colaboración coa firma de roupa Community 54.[64] O 8 de setembro publicouse o vídeo The Most Beautiful Moment In Life On Stage: Prologue como adianto á xira que levaría a cabo a finais de ano en Corea do Sur e o Xapón para promocionar o álbum The Most Beautiful Moment in Life, Part 2, que se lanzou o 30 de novembro. O disco entrou no número 171 na lista Billboard 200 e no un en Billboard World Albums.[65] Ademais, o álbum conseguiu o número un na lista Gaon Album Chart de novembro por vender máis de 140 000 unidades nos seus primeiros días no mercado. Doutra banda, o sinxelo promocional «Run» gañou cinco premios en programas de música.[66]
En outubro gañaron o premio a "Mellor Artista de Corea do Sur" nos MTV Europe Music Awards. O 7 de novembro recibiron o premio "Best Male Dance" nos Melon Music Awards e o 2 de decembro o premio "Best World Performer" nos Mnet Asian Music Awards.[67]
O 8 de decembro o grupo publicou o seu quinto sinxelo xaponés, «I Need Ou (Japanese Ver.)», do que se venderon máis de 70 000 copias na primeira semana. Entrou no número cinco na lista Oricon e no dous en Billboard Xapón.[68] O 15 de marzo de 2016 publicouse o sexto sinxelo xaponés, «RUN (Japanese Ver.)», que vendeu 53 000 copias no primeiro día no mercado, entrando no número seis da lista Oricon do mes de marzo e no número dous da lista de sinxelos de Billboard Xapón.[69] Ademais o grupo participou na KCON Abu Dhabi o 25 de marzo, marcando a súa primeira actuación en Oriente Próximo.[70]
O 2 de maio lanzouse o álbum The Most Beautiful Moment in Life: Young Forever, unha recompilación das dúas entregas anteriores, que incluíu ademais remixes e tres novas cancións. O grupo promocionou o single «Fire», polo que gañaron tres premios en programas de música. Ademais, o vídeo musical da canción conseguiu dez millóns de visitas en Youtube en 75 horas.[71] O disco entrou na Billboard 200 no número 107, ademais de obter o número 2 na Billboard World Albums, e dominar a lista de World Dixital Songs con «Fire», «Save Me» e «Epilogue: Young Forever» no tres primeiros postos; un logro que non conseguira ningún artista surcoreano.[72] Doutra banda, Gaon Chart declarou que o disco fora o máis vendido do mes de maio en Corea do Sur con 310 243 copias vendidas.[73]
O 7 e 8 de maio deu comezo en Seúl a xira de promoción do álbum The Most Beautiful Moment in Life On Stage: Epilogue. As 24 000 entradas postas á venda para os dous concertos de Seúl esgotáronse en segundos.[74] O tour continuou durante o verán con paradas en Taiwán, a China, o Xapón, Filipinas e Tailandia reunindo a un total de 144 000 espectadores en dez cidades.[75] Ese verán participaron en tres edicións da KCON; o 2 de xuño na KCON France, a primeira celebrada en Europa; o 25 de xuño na KCON Nova York e o 31 de xullo na KCON dos Ánxeles.[76][77][78] O 29 de agosto actuaron diante de 55 000 persoas no A-Nation, o festival de maior tamaño que se celebra no Xapón.[79] O 7 de setembro de 2016 lanzouse o seu segundo álbum xaponés, Youth, que conseguiu o número un na lista Oricon Weekly Album Chart vendendo máis de 76 000 copias a primeira semana.[80]
O 5 de setembro ás 00:00 (KST) publicouse o curto Wings Short Filme #1 BEGIN; o primeiro de sete que serviron como adianto do segundo álbum de estudio do grupo, Wings, publicado o 10 de outubro. O álbum conseguiu entrar no Billboard 200 no número 26 e converteuse no álbum coreano mellor situado na lista, no único en permanecer na lista dúas semanas e no álbum coreano con maiores vendas nunha semana, con 16 000 unidades vendidas e case 22 000 en total.[81] Deste xeito, o grupo converteuse no primeiro artista surcoreano en entrar con tres álbums no Billboard 200 e pasar catro semanas na lista. Wings foi tamén o primeiro álbum surcoreano en entrar no UK Album Chart, situándose no número 62. Ademais, o grupo bateu a súa propia marca ao entrar no Billboard Canadian Albums no posto número dezanove, sendo até a data os únicos artistas surcoreanos en entrar na lista.[82] O vídeo do sinxelo «Blood Sweat & Tears» bateu a marca do vídeo que tardou menos en conseguir dez millóns de visitas dun grupo k-pop masculino e o tema gañou seis premios en programas de música.[83][84]
O grupo recibiu o 27 de outubro de 2016 a mención do Ministro de Cultura nos 2016 Korea Pop Culture and Arts Awards polo seu labor de difusión da cultura coreana ó redor do mundo.[85] O 19 de novembro gañaron o seu primeiro premio daesang nos Melon Music Awards ó álbum do ano por The Most Beautiful Moment in Life:Young Forever e uns días despois gañaron o seu segundo premio, este ó artista do ano nos Mnet Asian Music Awards.[86]
Para o terceiro fan meeting do grupo, celebrado en Corea o 12 e 13 de novembro de 2016 no Gocheok Sky Dome de Seúl, as 38 000 entradas postas á venda esgotáronse en minutos.[87] Nos meses de novembro e decembro, levaron a cabo a súa terceira xira de fan meetings no Xapón e reuniron a 70 000 espectadores.[88] Doutra banda, o 18 de novembro publicouse un vídeo para anunciar a seguinte xira do grupo, que levaría a cabo en 2017.[89] A xira BTS Live Trilogy. Episode III: The Wings Tour comezou en febreiro en Seúl, de novo no Gocheok Sky Dome, e continuou por América, con paradas en Chile, o Brasil e os Estados Unidos.[90] O grupo converteuse no primeiro artista en vender todas as entradas da función en dúas ocasións consecutivas o Gocheok Sky Dome e calcúlase que venderon unhas 95 000 entradas para a xira até o momento.[91]
Nun artigo publicado por Yonhap News o 11 de xaneiro de 2017, revelouse que o grupo estaba a preparar un novo álbum como extensión de Wings e que se lanzaría en febreiro, aínda que non estaba decidido que tipo de cancións se incluirían.[92] Un representante de Big Hit confirmou a noticia e declarou que non había data de lanzamento prevista aínda.[93] Daquela, a finais dese mes a empresa anunciou que o disco, titulado Wings: You Never Walk Alone, sairía ao mercado o 13 de febreiro e unhas semanas despois publicou a lista de cancións, o que confirmou que se trataba dunha reedición de Wings con catro novos temas.[94][95]
A inicios de 2017, BTS embarcouse no seu tour Live Trilogy Episode III: The Wings Tour. No mes de febreiro, as pre-vendas para a reedición de Wings, alcanzaron máis de 700 000 copias.[96][97] O sinxelo principal, «Spring Day», situouse en oito das principais listas de música en liña surcoreanas, incluíndo Gaon.[98][99] A plataforma de Melon colapsou debido á grande afluencia de usuarios.[100] Tamén entrou na lista de Billboard Bubbling Under Hot 100 Singles no número 15.[101]
O seu quinto EP, Love Yourself: Her, foi publicado en setembro do mesmo ano.[102] A canción «Best Of Me» contou coa participación de Andrew Taggart de The Chainsmokers en canto á música.[103] O álbum alcanzou a sétima posición da lista Billboard 200; esta foi a máis alta posición obtida por unha artista coreano.[104] O sinxelo principal, «DNA», chegou á segunda posición na lista semanal Gaon Chart, mentres que o vídeo musical obtivo máis de 20 millóns de visitas en Youtube, o que rompeu a marca do vídeo de K-pop máis visto nas primeiras 24 horas.[105][106] «DNA» tamén se converteu na primeira canción do grupo en entrar na Billboard Hot 100 no número 85. Isto fixo que BTS fora o primeiro grupo masculino de K-pop e o segundo artista coreano en conseguilo.[107] Cando a canción subiu até a posición 67 alcanzou a maior posición para un grupo de K-pop, superando a marca de Wonder Girls, quen alcanzaron o número 76.[108] Un remix da súa canción «MIC Drop», realizado por Steve Aoki e Desiigner lanzouse como o segundo sinxelo do álbum, situándose no número 23 en Corea do Sur e no número 28 na Billboard Hot 100, chegando a ser a primeira canción dun grupo de K-pop en entrar no top 40 da lista.[109][110] As versións xaponesas de «DNA» e «MIC Drop» lanzáronse posteriormente como un sinxelo triplo no Xapón xunto á nova canción «Crystal Snow».[111] Este tema alcanzou o primeiro lugar na Oricon Chart; foi o sinxelo dun artista de K-pop máis vendido nunha semana, convertendo a BTS no primeiro artista estranxeiro en conseguilo.[112][113]
En novembro, o grupo converteuse no primeiro grupo de K-pop en presentarse ós American Music Awards, aumentando a súa popularidade a nivel internacional.[114] Ademais, en decembro presentáronse no Especial de Ano Novo de Dick Clark, sendo o primeiro grupo surcoreano en formar parte do programa.[115] Así mesmo fixeron o seu debut nun programa de música xaponés o 23 de decembro no Japan Music Station Super Live de TV Asahi.[116]
En xaneiro de 2018, a Recording Industry Association of Japan anunciou a primeira certificación dobre platino de BTS polo seu sinxelo «MIC Drop/DNA/Crystal Snow», o único álbum sinxelo dun artista estranxeiro en 2017 en vender máis de 500 000 copias e recibir unha certificación na lista Oricon dese ano.[117][118] En febreiro, os sinxelos «DNA» e «MIC Drop Remix» foron certificados pola RIAA.[119] Ademais, o 13 de marzo anunciouse que BTS colaboraría coa plataforma Youtube Red para publicar unha serie documental de oito episodios chamada Burn The Stage, que ofrece unha ollada entre bastidores da súa xira Wings Tour. Os primeiros dous episodios estreáronse o 28 de marzo en Youtube Rede, sendo estreado un novo episodio cada semana até o 9 de maio.[120] O 14 de abril o grupo anunciou que lanzarían o seu terceiro álbum de estudio Love Yourself: Tear o 18 de maio.[121] O 17 de abril foron nomeados novamente nos Billboard Music Awards na categoría Top Social Artist, converténdose no primeiro e único artista coreano en ser nomeado dous anos consecutivos.[122] Á semana seguinte anunciouse que serían parte dos artistas que se presentarán en dita premiación, estreando a nivel mundial o primeiro sinxelo do seu novo álbum Love Yourself: Tear.[123]
O 15 de xullo de 2018, «Fake Love» será reproducida na final da Copa Mundial de Fútbol de 2018, xunto con «Power» de EXO, tras gañar unha votación realizada en Instagram pola conta oficial da Copa Mundial da FIFA sobre a canción que lles gustaría escoitar.
Nome artístico | Nome real | Data de nacemento | Posto | Ref | ||
---|---|---|---|---|---|---|
Romanización | Hangul | Romanización | Hangul | |||
Jin | 진 | Kim Seok Jin | 김석진 | 4 de decembro de 1992 (31 anos) | Vocalista, bailarín, visual principal | [124][125] |
Suga | 슈가 | Min Yoon Gi | 민윤기 | 9 de marzo de 1993 (31 anos) | Rapeiro, bailarín, produtor, compositor | |
J-Hope | 제이홉 | Jung Ho Seok | 정호석 | 18 de febreiro de 1994 (30 anos) | Rapeiro, bailarín principal, vocalista ocasional, coreógrafo | |
RM | 알엠 | Kim Nam Joon | 김남준 | 12 de setembro de 1994 (29 anos) |
Líder, rapeiro principal, bailarín, produtor | |
Jimin | 지민 | Park Ji Min | 박지민 | 13 de outubro de 1995 (28 anos) | Vocalista, bailarín, visual | |
V | 뷔 | Kim Tae Hyung | 김태형 | 30 de decembro de 1995 (28 anos) |
Vocalista, bailarín, visual | |
Jungkook | 정국 | Jeon Jung Kook | 전정국 | 1 de setembro de 1997 (26 anos) | Vocalista principal, bailarín, rapeiro ocasional, "maknae" |
BTS escribe e produce a maioría do seu material, o cal foi sinalado por algúns medios como a clave do seu éxito.[126][127] O estilo musical inicial do grupo e a súa imaxe estivo influenciado polo hip hop, como se ve nos seus primeiros traballos, «N.O.» e «No More Dream».[128] Posteriormente orientáronse máis cara ao R&B e o rock con «Danger» e «Boy in Luv». Os temas en solitario dos membros en Wings incorporaron unha ampla variedade de xéneros; neo soul en «Stigma» de V, gospel en «Mama» de J-Hope, e piano-rap en «First Love» de Suga.[129]
BTS foi eloxiado por falar honestamente sobre temas que consideran importantes, mesmo nunha sociedade conservadora.[130] Tamar Herman, da revista Billboard, sinalou que o grupo a miúdo ten temas recorrentes nos seus materiais. A súa serie «triloxía da escola» —2 Cool 4 Skool (2013), Ou!RUL8,2? (2013), e Skool Luv Affair (2014)— explorou «os problemas e ansiedades da mocidade estudante».[131] A canción «Not Today», de You Never Walk Alone, é un himno antisistema, con mensaxes que avogan polas minorías,mentres que Wings fixo mencións á saúde mental e o apoderamento feminino.[132][133] Doutra banda, o seu quinto EP Love Yourself: Her, o primeiro disco da súa serie Love Yourself, incluíu temas relacionados co amor e a amizade; mentres que o seu novo álbum Love Yourself: Tear tratará sobre a perda e a separación.
A pesar de que recibiron eloxios polas letras das súas cancións, en 2016 o grupo enfrontou críticas por letras misóxinas en «War of Hormone», «Converse High», e a canción «Joke» do mixtape de RM, así como un comentario en Twitter feito por Suga. A compañía do grupo ofreceu despois as súas desculpas.[134]
O grupo captou a atención da prensa pola súa música e as súas actuacións, non só en Corea do Sur, senón tamén en todo o mundo, en especial a partir da publicación de The Most Beautiful Moment in Life, Part 1. Billboard dixo que «sendo un grupo dedicado ao hip-hop, o álbum marca un momento máis suave para a banda, que rebaixou a súa intensidade (...) por un enfoque máis melódico que aínda así mantén o seu característico rap mordaz en cada canción». Sobre a segunda parte do álbum asegurou que «Never Mind e House of Cards parecen algunhas das actuacións máis sinceras que o grupo creou até a data. Ambas falan da presión e as preocupacións de ser novo e exitoso, con House of Cards soando como un berro de axuda en ocasións, (...) é nestes momentos cando BTS demostra que teñen algo que os diferencia claramente doutras boy bands».[135]
Doutra banda, a revista Spin declarou que Rap Monster «realmente ten posibilidades de deixar a súa marca nos Estados Unidos», mentres que Vice dixo que «ten un My Beautiful Dark Twisted Fantasy dentro del, pero que se achega máis ao espírito de artistas máis novos como Earl Sweatshirt e Chance the Rapper».[136][137]
Ademais, con The Most Beautiful Moment in Life, Part 1 o grupo entrou na lista de Fuse dos mellores 27 álbums de 2015 até o momento, sendo os únicos artistas surcoreanos en logralo.[138] A mesma revista declarou á banda «a conciencia social do K-pop» e asegurou que «son un bo exemplo dun grupo que está a atopar a maneira de falar sinceramente de temas que consideran importantes, mesmo nunha sociedade conservadora».[139] O seu baile foi comentado tamén na revista Cosmopolitan[140] e Teen Vogue afirmou que «BTS esfórzase por crear música e actuacións auténticas e de calidade que valen máis que os prexuízos en contra das boy bands».[141]
A grande actividade do grupo en redes sociais tamén chamou a atención da prensa, que sinalou que todo o contido en vídeo nas súas canles de Youtube e V App crean un ecosistema propio que atrae novos fans e mantén actualizados aos antigos.[142] A presenza do grupo en Twitter en particular conseguiulles diversos logros. Entre outros, conseguiron o Golden Tweet de 2015 en Corea do Sur grazas a unha foto do grupo que foi retuiteada máis de 2,9 millóns de veces e o 12 de maio de 2016 convertéronse no primeiro grupo de K-pop en ter a súa propia emoticona na rede social.[143] Ademais, segundo a revista Forbes, foron os artistas máis retuiteados do mundo no mes de marzo de 2016; superando ó segundo posto, Kanye West, por máis de 1,6 millóns de retuits.[144]
BTS estivo involucrado nunha variedade de eventos caritativos. En 2015 doaron sete toneladas (7187 kg) de arroz á caridade na cerimonia de apertura da K-Star Road celebrada en Apgujeong-dong.[145] Os anos seguinte participaron con Naver na campaña de colaboración «Let's Share the Heart» para colleitar doazóns para LISA, unha organización de caridade que promove a «doazón de órganos, o rexistro de doazón de células nai, o apoio cos gastos médicos dos pacientes e os bancos de sangue».[146]
En xaneiro de 2017, varios medios de comunicación reportaron que BTS e Big Hit Entertainment doaron 100 000 000 wons (85 000 USD) á organización 4/16 Sewol Families for Truth and A Safer Society, conectada ás familias do desastre do transbordador Sewol de 2014. Cada membro doou 10 000 000 de wons, mentres que Big Hit doou 30 000 000 adicionais. A doazón realizouse en segredo.[147] Máis tarde ese ano, BTS lanzou oficialmente a súa campaña Love Myself, unha iniciativa dedicada a axudar a protexer e apoiar a nenos e adolescentes vítimas de violencia doméstica e escolar, así como de crimes sexuais ao redor do mundo, en asociación co Comité Coreano de UNICEF.[148] BTS ten pensado doar 500 millóns de wons (448 000 USD) dos membros, 3% das vendas da súa EP Love Yourself: Her e 100% de todas as vendas de mercadoría oficial feita para a campaña Love Myself polos seguintes dous anos, así como incluír puntos de doazón instalados por UNICEF, para beneficiar a varios programas sociais sobre prevención da violencia contra nenos e adolescentes e apoiar ó programa para as vítimas de violencia.[149][150][151][152] A só dous meses do seu lanzamento, a campaña recadou un adicional de 106 000 000 wons coreanos, o que aumentou o total dos fondos a nivel mundial a 606 000 000 wons.[153]
En abril de 2018 BTS participou, xunto con outras celebridades, no vídeo «Dream Still Lives», que foi un tributo de Stevie Wonder a Martin Luther King Jr; compartindo os seus soños e esperanzas para o mundo.[154] Posteriormente revelouse que o mesmo Stevie Wonder pedíralles que participaran na campaña.[155]
Os membros do grupo tamén se comprometeron en actividades filantrópicas individuais. Dende 2016 Jimin axudou aos graduados de Busan Hoedong Elementary School, o seu álma máter, a cubrir os gastos dos seus uniformes. Despois de que a escola fose pechada, el doou uniformes de verán e inverno ós estudantes e regalou álbums autografiados a todo o alumnado.[156] Polo seu 25 aniversario, Suga doou dez quilogramos de carne coreana a 39 orfanatos en Corea baixo o nome do fan club do grupo, ARMY.[157]
En outubro de 2015, anunciouse a través das redes sociais que BTS sería representante da marca deportiva Puma e participaría na campaña Play Warm da tempada de inverno de 2015.[158] Un representante da empresa explicou que elixiran ao grupo por encaixar cos seus valores de «valentía, determinación, confianza e alegría».[159] En xaneiro de 2016 repetiuse a colaboración para a campaña Blaze Time, que utilizou unha versión modificada de «Run» como música para os anuncios televisivos.[160] En setembro de 2016 participaron nunha campaña publicitaria para as zapatillas BOG Sock para a que se crearon anuncios individuais de cada membro.[161][162] A comezos de 2017 un representante da empresa declarou que debido á boa recepción do grupo como representantes da marca pensaban manter o acordo durante o resto do ano.[163]
En febreiro de 2016 a banda comezou unha campaña de publicidade para SK Telecom, a maior compañía de telecomunicacións de Corea do Sur, cunha primeira serie de anuncios ambientados nunha escola co obxectivo de promocionar cupóns de datos móbiles, e unha segunda parte na que realizaron unha colaboración musical coa rapeira Jessi do grupo Lucky J. En outubro e novembro de 2016 apareceron noutras dúas campañas televisivas para anunciar o catálogo de dispositivos móbiles da compañía e o servizo de intelixencia artificial NUGU.[164][165][166][167]
A cadea de comida rápida BBQ anunciou en abril de 2016 que o grupo representaría á marca nas súas divisións de Corea do Sur e a China. Pouco despois do inicio da campaña a empresa anunciou que dende que esta empezara as vendas incrementáronse un 15%.[168] En novembro de 2016 protagonizaron outros dous anuncios para a cadea.[169] Yoon Ik Jun, do departamento de mercadotecnia da compañía, declarou que o grupo tiña encanto e grandes dotes de actuación, polo que os anuncios recibiron respostas positivas do público. A marca pensaba seguir utilizándoos como modelos.[170]
A banda tamén conseguiu un contrato publicitario coa empresa de uniformes escolares Smart Uniform para a campaña do «Día da Familia» xunto con GFRIEND, unha iniciativa do goberno surcoreano para promocionar as relacións familiares entre pais e adolescentes.[171] En xaneiro de 2017 informouse de que o grupo chegara a un acordo coa marca de xoiaría Agatha Paris para lanzar unha nova colección de produtos.[172] A empresa declarou que debido ao éxito obtido coa colección de maletas lanzadas o ano anterior en colaboración co grupo EXO decidira ampliar a gama de produtos con mochilas e crema de mans. Unha fonte da industria revelou que os grupos populares como BTS podían chegar a conseguir unhas vendas de dez mill millóns de won.[173]
BTS colaborou coa app de mensaxería LINE e creou un conxunto de personaxes chamados BT21 que son usados como emojis e stickers. Estas personaxes representan ós membros do grupo: RJ (Jin), Shooky (Suga), Mang (J-Hope), Koya (RM), Chimmy (Jimin), Tata (V), Cooky (Jungkook) e Van (o seu grupo de fans, ARMY).[174]
O 27 de febreiro de 2018 anunciouse que os membros de BTS serían os embaixadores globais da marca Puma e que lanzarían o remix da súa liña Turin o 2 de marzo en Corea do Sur e en xullo a nivel mundial.[175] O grupo tamén participará en campañas globais para a liña Sportstyle de Puma.[176] En marzo anunciouse que sería os novos voceiros para o banco KB Kookmin Bank, un dos catro bancos máis grandes en Corea do Sur.[177] O 3 de abril LG Electronics comunicou que BTS «promocionaría os seus teléfonos intelixentes no mercado global» para a compañía tecnolóxica, incluíndo un modelo que sería lanzado tentativamente en xuño de 2018.[178]
Título | Detalles |
---|---|
Corea do Sur | |
Dark & Wild |
|
Wings |
|
You Never Walk Alone
| |
Love Yourself: Tear |
|
Love Yourself: Answer
| |
Xapón | |
Wake Up |
|
Youth |
|
Face Yourself |
|
Título | Detalles |
---|---|
O!RUL8,2? |
Selo: Big Hit Entertainment]]
|
Skool Luv Affair |
|
School Luv Affair Special Addition
| |
The Most Beautiful Moment in Life, Part 1 |
|
The Most Beautiful Moment in Life, Part 2 |
|
Love Yourself: Her |
|
Título | Detalles |
---|---|
Corea do Sur | |
The Most Beautiful Moment in Life: Young Forever |
|
The Best of BTS: Korea Edition |
|
Xapón | |
2 Cool 4 Skool/O!RUL8,2? |
|
The Best of BTS: Japan Edition |
|
Título | Detalles |
---|---|
Corea do Sur | |
2 Cool 4 Skool |
|
Xapón | |
No More Dream (Japanese Ver.) |
|
Boy In Luv (Japanese Ver.) |
|
Danger (Japanese Ver.) |
|
For You |
|
I Need U (Japanese Ver.) |
|
Run (Japanese Ver.) |
|
Blood Sweat & Tears (Japanese Ver.) |
|
MIC Drop/DNA/Crystal Snow |
|
Título | Ano | Álbum |
---|---|---|
«MIC Drop» (Remix de Steve Aoki con Desiigner) | 2017 | Love Yourself: Her |
Título | Ano | Álbum |
---|---|---|
«No More Dream» | 2014 | Wake Up |
«Boy in Luv» | ||
«Danger» | ||
«For You» | 2015 | Youth |
«I Need U» | ||
«Run» | 2016 | |
«Chi, Ase, Namida» (血、汗、涙) | 2017 | Face Yourself |
«Crystal Snow» |
Título | Ano | Álbum |
---|---|---|
«Come Back Home» | 2017 | Seo Taiji 25 Project |
«With Seoul»[179] |
Título | Ano | Membros | Álbum |
---|---|---|---|
«Don't Leave Me» | 2018 | Todos | Signal (Remake xaponés) |
«Even If I Die, It's You» | 2016 | V, Jin | Hwarang: The Poet Warrior Youth |
Ano(s) | Xira | Duración | Concertos | Recadación |
---|---|---|---|---|
2014-15 | BTS Live Trilogy. Episode II: The Red Bullet | 17 de outubro de 2014 — 29 de agosto de 2015 | ||
2015 | First Japan Tour Wake Up: Open Your Eyes | 10 de febreiro de 2015 — 19 de febreiro de 2015 | ||
2015-16 | The Most Beautiful Moment in Life On Stage | 27 de novembro de 2015 — 23 de marzo de 2016 | ||
2016 | The Most Beautiful Moment in Life On Stage: Epilogue | 7 de maio de 2016 — 14 de agosto de 2016 | ||
2017 | BTS Live Trilogy. Episode III: The Wings Tour | 18 de febreiro de 2017 — 2 de xullo de 2017 | ||
2018 | BTS World Tour: Love Yourself | 25 de agosto de 2018 — |
O grupo recibiu dende o seu debut varios premios e nomeamentos. Gañaron premios na categoría de mellor novo artista en Corea nos Melon Music Awards, os Golden Disk Awards, os Seoul Music Awards e os Gaon Chart K-Pop Awards. Ademais, recibiron o premio a artista revelación nos YinYueTai V-Chart de 2014 na China e outros dous nos Japan Gold Disc Awards de 2014. Obtiveron tamén un nomeamento a mellor artista asiático e un premio a mellor artista coreano nos MTV Europe Music Awards. A gran presenza internacional do grupo conseguiulles premios como Best World Performer nos Mnet Asian Music Awards de 2015 e K-Pop World Hallyu Star Award nos Gaon Chart K-Pop Awards celebrados en 2016.[180] O grupo gañou o seu primeiro premio daesang nos Melon Music Awards de 2016 na categoría de mellor álbum do ano por The Most Beautiful Moment in Life: Young Forever e o segundo, uns días despois nos Mnet Asian Music Awards ao artista do ano.[181]
En programas de música recibiron un total de trinta e tres primeiros premios: cinco por «I Need U», cinco por «Run», tres por «Fire», seis por «Blood Sweat & Tears», catro por «Spring Day» e dez por «DNA»; esta foi a marca de vitorias en espectáculos musicais do grupo. Ademais, estiveron nomeados outras doce veces. O 21 de maio de 2017, BTS gañou na categoría de Top Social Artist nos 24.º Billboard Music Awards; isto converteunos no primeiro grupo surcoreano en ser nomeado a este premio e gañalo.[182] Ademais, BTS obtivo tres certificacións de ouro pola RIAA, co remix da canción «MIC Drop» (en colaboración con Steve Aoki e Desiigner), que vendeu máis de 500.000 copias, co sinxelo «DNA» e con «Fake Love».
... seven-piece BTS have been cranking out close-to-the-bone lyrics and impressively melding hip hop, pop, electronica, and rock.
Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: BTS |