O angazo é unha ferramenta agrícola, tamén denominada anciño, ancazo, enciño, engazo, rastrelo e rastra.
Non existen datos que testemuñen con exactitude a orixe das formas galegas máis estendidas para este instrumento. Os vocábulos galegos angazo e engazo, e mais as variantes correspondentes ás zonas de gheada e seseo, poden ter orixe nunha suposta forma latina non rexistrada hamicaceus[1], e que derivaría de hamus (co significado clásico de anzol ou gancho)[2]. Anciño e enciño, e mais as súas variantes con seseo, puideron derivarse dunha suposta forma latina non rexistrada uncinus, que sería derivada de uncus (co significado clásico de gancho)[3]. Finalmente, os termos rastra e rastrelo deberon ter orixe na forma do latín clásico rastrum, que se aplicaba a diversas ferramentas do traballo agrícola. Tamén pode vir de xermánico *angon = 'espiña, pincho'[4], aínda que a etimoloxía máis posible é a que se basea nun prerromano *ankatio e *ankino en relación ao asturiano angazu ou angüezu < *ankotio, irlandés antigo écath 'anzol' < *ankoto, medio galés anghad < *ankoto[5].
Orixinariamente elaborado integramente en madeira e que consiste nunha travesa mangada sobre a que se insertan varios dentes (8 ou 10) algo aguzados e que serve para rastrelar e amoreirar follas, herba, palla etc.
Os angazos e anciños modernos poden estar fabricados con outros materiais, como metais nos máis resistentes e para labores máis pesados, e con plásticos, cana, bambú etc, para traballos máis lixeiros, como os de xardinaría.
Pode figurar tamén como motivo heráldico en escudos familiares.
![]() |
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Angazo |